O PP lucense reclama un plan extraordinario de conservación para a A-6 ao Goberno central

LugoXa
Paula Prado critica que o Executivo de Sánchez respondera a través dos medios ás propostas da Xunta, cando “dixeran que as ían valorar”
Reunión PP Montaña 2024
24 Jan 2024

O PP lucense advirte do malestar dos veciños da Montaña ante o mal estado do firme da A-6 que afecta no día a día aos usuarios desta autovía que constitúe a principal arteria de comunicación coa Meseta. Nese sentido, os populares reclamaron ao Goberno central un plan extraordinario de conservación para a A-6 durante unha reunión de traballo na comarca na que deixaron claro que “o principal valor do proxecto que encabeza Alfonso Rueda son as persoas”.

Son numerosos os incidentes que se teñen rexistrado nesta vía coma pinchazos ou derrubamento de taludes que se suman aos accidentes no desvío provisional habilitado na N-VI debido ao colapso do viaduto do Castro que mantivo cortada a vía durante 18 meses. “Hai que aclarar que só está en funcionamento un único carril en sentido Madrid e limitado a 50 km/h”, puntualizan lembrando que “temos defendido a construción simultánea dos dous carrís, pero o Goberno de Sánchez, pouco preocupado por Galicia, negouse. Preferiu condenar aos lucenses e galegos  a continuar agardando para o restablecemento normal do tráfico neste punto e, polo tanto, lastrando a competitividade da provincia e causando molestias aos usuarios habituais desta vía de comunicación”.

A presidenta provincial e cabeza de lista do PP pola provincia ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, Elena Candia, puxo o “estado intransitable da A-6” como “un claro exemplo do que supón para a provincia a xestión do PSOE apoiado polo BNG: deixar que unha infraestrutura estratéxica para a provincia se converta nunha corredoira”.

Os populares tildaron, ademais, ao candidato do PSOE á Xunta de “home anuncio” porque “está a prometer o que, á hora da verdade, non son capaces de concretar dende o seu partido”. No caso da A-6, inciden “na falta de interese do Goberno do PSOE por mellorar a vía e avanzar na reconstrución do viaduto do Castro” a pesar de que o propio candidato socialista á Xunta foi delegado do Goberno en Galicia – iso si nun período moi breve de tempo- e agora presuma de ser o presidente da Comisión de Transportes no Congreso”. Nese sentido, os populares consideran que “queda sobradamente demostrado que non ten interese por xestionar e solucionar os problemas dos lucenses”.

Os candidatos do PP lucense ao Parlamento galego tamén amosaron a súa preocupación pola mala xestión do Goberno central que “por non adaptar con tempo o servizo de TDT vai supoñer que moitos pobos de concellos coma o Courel ou Quiroga se queden sen servizo de televisión a partir do 14 de febreiro”.

PROXECTOS POSITIVOS PARA AS PERSOAS E O TERRITORIO

Candia subliñou que “non todas as administracións responden igual” e puxo como exemplo de Goberno que atende as necesidades da comarca ao de Alfonso Rueda que vén de licitar recentemente as obras para a mellora da vía LU-710 que conecta a N-VI coa A-6 en Baralla”. Igualmente, subliñou unha das medidas avanzadas polo presidente e que afectan directamente ás persoas e ao territorio: a ampliación gradual dos contratos do persoal do servizo de prevención e extinción de incendios dos 6 aos 9 meses.

Dende o Partido Popular apuntan que “con esta medida mellorarase a situación laboral dos traballadores que xa viron incrementado o período de traballo dos 3 meses no 2017 aos seis no 2020. Un compromiso cumprido”, remarcan. Ademais, lembran que “dos máis de 3.000 profesionais, 2.000 persoas traballan durante todo o ano”.

0.15231585502625