O PP pedirá explicacións ao goberno local pola situación dos hortos urbanos xunto ao Impulso Verde

LugoXa
O proxecto anunciado en 2021 con fondos europeos e un investimento de case 800.000 euros continúa sen avances visibles nin información clara sobre o seu futuro, segundo os populares
Hortos-Anunciados-2021-edificio-impulso-verde-Lugo
17 Apr 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo solicitará explicacións ao goberno local sobre o estado dos hortos urbanos anunciados no ano 2021 no entorno do denominado barrio multi-ecolóxico, xunto ao edificio Impulso Verde. Os populares lembran que esta actuación foi presentada como parte dun proxecto máis amplo, cun investimento de case 800.000 euros vinculados a fondos europeos, e cunha finalidade terapéutica e didáctica.

Porén, segundo sinalan, na actualidade non se aprecia ningún avance visible nin existe información clara sobre se a iniciativa segue adiante ou cal será o destino dos fondos comprometidos. Desde o Partido Popular subliñan que nunca consideraron este proxecto como prioritario, mais insisten en que, unha vez anunciado e asociado a financiamento europeo, o goberno local ten a obriga de explicar que decisión vai adoptar e, no caso de non executalo, que consecuencias terá esa decisión.

Para os populares, esta situación pon sobre a mesa cuestións relacionadas co uso responsable dos recursos públicos e coa credibilidade das administracións. Neste sentido, conclúen que ou se cumpre co comprometido ou se evidencia que a cidade continúa sen rumbo e sen un modelo claro definido.

Por último, o Grupo Municipal do Partido Popular reclama maior rigor na planificación municipal, sinalando que unha boa xestión implica establecer prioridades e evitar xerar expectativas que posteriormente non chegan a materializarse.

0.12147998809814