O PP pide a cesión da caseta de seguridade do Hospital de San Xosé a Aspnais
O PP defenderá na Deputación que PSOE e BNG estuden a cesión da caseta de seguridade que hai na entrada do Hospital de San Xosé a Aspnais, entidade que ocupa na actualidade estas instalacións. O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “durante a visita que realizamos representantes do PP de Lugo a esta entidade hai unhas semanas puxéronnos sobre a mesa a posible cesión desta caseta para poder desenvolver parte da súa actividade”.
Neste senso, Ameijide sinala que “non debería de haber problema” para que José Tomé e os seus socios do BNG cedan o uso desta caseta a esta entidade xa que “téñena abandonada e sen uso” polo que “o máis normal é que se lle permita o seu uso á entidade que realiza actividades no resto destas instalacións”.
Ameijide aproveita a ocasión para poñer en valor todo o traballo que se realiza en Aspnais, destacando, entre outros, os talleres de carpintería, cerámica, envasado, gravado, xardinería ou serigrafiado “nos que todos os usuarios destacan pola gran calidade do seu traballo”. Aspnais é a Asociación Provincial de Pais e Titores de persoas con discapacidade intelectual e atende na actualidade a 180 usuarios e conta con 80 traballadores, nun edificio histórico recuperado para este fin.