O PP pide a PSOE e BNG que rebaixen a tensión política en Lugo e defende o apoio cidadán á súa moción

O Partido Popular reclamou este xoves ao PSOE e ao BNG que poñan fin ao que cualifica como unha “escalada de odio” na cidade de Lugo, ao tempo que asegurou que a súa moción de censura conta co respaldo dunha parte importante da cidadanía.
Así o manifestou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nunha comparecencia ante os medios na cidade amurallada, onde estivo acompañada pola portavoz municipal, Elena Candia, poucas horas antes da protesta convocada coincidindo co pleno ordinario.
Durante a súa intervención, Prado asegurou que puido comprobar nas rúas o apoio de numerosos veciños, que —segundo indicou— trasladaron palabras de ánimo a Candia pola iniciativa presentada. Neste sentido, defendeu que a moción responde a un “impulso necesario” para a cidade e destacou que o PP puxo enriba da mesa 45 medidas orientadas a dar resposta ás necesidades da veciñanza.
A dirixente popular criticou tamén a xestión do actual goberno local, ao que cualificou de “paralizado” durante os últimos anos, e lamentou que a reacción á moción se basee, ao seu xuízo, en descalificacións e confrontación política en lugar de argumentos. Ademais, cuestionou a decisión da CIG de trasladar a Lugo a súa mobilización do Primeiro de Maio, ao considerar que responde a intereses alleos aos laborais.
Neste contexto, Prado instou ás forzas do goberno municipal a rebaixar a tensión e asegurou que a cidadanía “quere estabilidade” e percibe unha falta de dirección no Concello.
Pola súa banda, Elena Candia defendeu que o PP ten a “responsabilidade” de tentar gobernar tras ser a forza máis votada nas eleccións municipais de 2023, nas que obtivo 12 concelleiros e quedou preto da maioría absoluta. A portavoz popular subliñou que a presentación da moción responde a un exercicio de compromiso coa cidade, especialmente tras a perda da maioría por parte do actual executivo.
Candia afirmou que o seu grupo mantivo unha actitude “constructiva” na oposición, ofrecendo mesmo acordos de estabilidade que, segundo indicou, non foron atendidos. Por iso, considera que chegou o momento de dar un paso adiante “desde a serenidade e o compromiso con Lugo”.
Finalmente, tanto Prado como Candia insistiron en pedir ao PSOE e ao BNG que abandonen o que consideran un discurso de confrontación, e defenderon a lexitimidade do acordo que sustenta a moción, que conta co apoio dos concelleiros populares e da edil non adscrita María Reigosa, cualificándoo de “legal e democraticamente válido”.