O PP pide aclarar o estado das lanzadeiras do AVE entre Lugo e Ourense

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Lembran que as obras entre Monforte e Ourense non concluíron na súa totalidade e que o servizo Intercity Ourense-Lugo se realiza por estrada
alcaldes-pp-lugo-rubian-boveda
Alcaldes do PP de Lugo na estación de Rubían, en Bóveda
16 Jan 2025

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, acusan ao ministro Óscar Puente de “mentir a tódolos lucenses sobre os servizos ferroviarios da provincia”. Sinalan que, en relación ás preguntas formuladas polos representantes populares no Senado, nas respostas oficiais “o Goberno de Sánchez non di nada sobre as lanzadeiras dende Lugo co AVE a Ourense que anunciaba o ministro”. Tampouco aclara cal é a redución no tempo de viaxe despois dunha inversión millonaria nas obras da liña Lugo-Ourense: “eluden responder porque os tempos son practicamente os mesmos”.

Os representantes do PP por Lugo na Cámara Alta compareceron ante os medios diante a estación de Rubián (Bóveda) acompañados polo alcalde do municipio, José Manuel Arias, alcaldes, portavoces e concelleiros da zona sur da provincia e o coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, para denunciar unha vez máis “a discriminación de Sánchez á nosa provincia” que, a día de hoxe, “permanece illada da alta velocidade ferroviaria”. De feito, “Lugo é das poucas capitais de España de entorno aos 100.000 habitantes que non dispón de servizo de AVE”.

Os senadores preguntaban polas previsións do Goberno para a entrada en funcionamento da proposta do Ministro Puente sobre as lanzadeiras a 200km/h, pero o Executivo limítase a describir os traballos de renovación da liña que están pendentes.

Tamén teñen formulado outra pregunta concreta en relación á redución dos tempos de viaxe á vista de que o Clúster de la Función Loxística de Galicia afirma que as obras que se están realizando non redundarán nunha redución significativa dos tempos.

“Curiosamente, a pesar de que na resposta sobre as lanzadeiras o Goberno indicaba entre os obxectivos da renovación a mellora dos tempos de viaxe; neste caso non é capaz de aclarar cal é esa redución de tempos”. É máis, recoñecen que as obras entre Monforte e Ourense non concluíron na súa totalidade e que o servizo Intercity Ourense-Lugo se realiza por estrada, polo menos, ata finais de febreiro de 2025.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, reivindicou “investimentos” na estación de Rubián e que “pare algún tren” para poder estar máis cerca de Lugo e doutras cidades despois de afear que os actuais investimentos “non redundan en beneficio do pobo”.

Piden a chegada da Alta Velocidade a Lugo

Os populares lembran que “os veciños de Lugo continuamos privados da chegada da alta velocidade ferroviaria. Os trens AVE, os máis rápidos, non circulan pola provincia nin tampouco chegan á capital lucense”. E condenan que “a única alternativa son os enlaces co AVE en Ourense que, a día de hoxe, son insuficientes e, ademais, sofren continuas incidencias, atrasos e avarías”.

Unha vez máis, advirten que “para a chegada do AVE a Lugo é imprescindible a construción das variantes ferroviarias comprometidas (Os Peares-Canabal e Rubián), así como a corrección do actual trazado, que presenta moitas curvas, e garantir a tensión eléctrica necesaria para habilitar un corredor ferroviario polo que poidan circular trens AVE”.

Nese sentido, conclúen que “a falta de vontade do Goberno que preside Pedro Sánchez para executar estas melloras evidencia a discriminación á nosa provincia”.

0.15991306304932