O PP pide medidas de contención para mellorar a seguridade na LU-P-1205 en Castroverde

Os deputados do Grupo Provincial Popular demandan á Deputación de Lugo a instalación de medidas de contención para mellorar a seguridade viaria na estrada LU-P-1205, no municipio de Castroverde.
O punto específico no que se concentraron as súas peticións é unha curva situada nun tramo con desnivel, un lugar no que xa se produciran varios accidentes debido ás condicións da vía.
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, xunto co voceiro do grupo, Pablo Figueiras, e varios concelleiros populares de Castroverde, visitaron a zona para revisar as condicións da estrada e avaliar as posibles melloras.
Ameijide lembrou que o mantemento das estradas provinciais continúa sendo unha das tarefas pendentes no goberno provincial. "O caso da LU-P-1205 en Castroverde é un exemplo claro da desatención das infraestruturas de vital importancia para os veciños da zona. A estrada de Castroverde, a pesar de ser moi empregada polos veciños, segue sen recibir as melloras necesarias", afirmou.
O voceiro popular subliñou a perigosidade dun tramo específico no inicio da estrada, na súa confluencia coa LU-530. Neste punto, existe un desnivel na parte interior dunha curva, cunha caída de aproximadamente tres metros. Segundo Ameijide, este punto xa foi escenario de varios accidentes e require con urxencia medidas de seguridade. "Como mínimo, sería preciso instalar unha bionda, unha varanda ou calquera outro elemento que impida que un vehículo poida caer neste desnivel", explicou.
O Grupo Provincial Popular instou ao goberno provincial a actuar con rapidez para garantir a seguridade dos condutores e evitar futuros incidentes nesta estrada tan transitada.