O PP pide mellorar a seguridade da estrada de acceso a Novafrigsa en Lamablanca

O Grupo Provincial Popular levará ao vindeiro Pleno da Deputación de Lugo unha proposta para reclamar actuacións na LU-P-2907 ao seu paso por Lamablanca, no concello de Lugo, que constitúe o principal acceso á factoría de Novafrigsa.
Segundo sinalan os populares, o tramo comprendido entre a conexión coa LU-P-2906 e a planta industrial carece actualmente de sinalización horizontal e iluminación. A formación considera que estas condicións dificultan a visibilidade, especialmente nas horas con menos luz, nunha vía que soporta un volume elevado de tráfico.
Por esta estrada circulan diariamente vehículos dos traballadores directos e indirectos de Novafrigsa, así como de gandeiros e transporte pesado. O Grupo Provincial Popular apunta ademais que neste tramo xa se produciron accidentes e lembra que o comité de empresa solicitou anteriormente diferentes medidas para reducir a perigosidade da vía.
Por este motivo, os deputados populares pedirán ao Goberno provincial que adopte actuacións para mellorar as condicións de seguridade da estrada e atender as demandas trasladadas polos usuarios da vía e polos representantes dos traballadores da factoría.