O PP pide o amparo da Valedora do Pobo para corrixir os problemas de saneamento na rúa Milagrosa

LugoXa
Os populares reclaman que se modifique a obra de humanización e denuncian que o Concello ignora unha deficiencia básica que preocupa á veciñanza
rede-saneamento-rúa-Milagrosa
15 Dec 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo vén de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo de Galicia para tentar que o Goberno municipal atenda as reiteradas demandas das veciñas e veciños da rúa Milagrosa, que levan meses alertando de graves deficiencias na rede de saneamento mentres se executan as obras de humanización na zona.

Segundo denuncian os populares, o Concello está a desenvolver unha intervención urbanística no tramo comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón sen aproveitar os traballos para renovar unha rede de saneamento que consideran obsoleta, con tubaxes rotas, fugas e atascos recorrentes, unha situación que, aseguran, quedou á vista durante a propia execución da obra. Desde o PP advirten de que se trata dunha actuación que “ignora unha necesidade urxente e real da veciñanza” e que obrigará “máis cedo que tarde, a volver levantar a rúa”.

O grupo municipal lembra que esta problemática foi levada ao pleno municipal do pasado mes de outubro sen que o Goberno local asumise compromiso algún para resolvela. De feito, segundo recolle a acta da sesión, o concelleiro do BNG Alexandre Penas recoñeceu que a decisión de non actuar sobre o saneamento non responde nin a razóns económicas nin técnicas, senón a unha decisión política.

Para o PP de Lugo, esta postura vulnera os principios de boa administración, eficiencia e economía na xestión dos recursos públicos, ao desaproveitar unha obra en marcha para solucionar deficiencias estruturais dun servizo municipal básico e de competencia exclusiva do Concello. “Non ten ningunha lóxica executar unha obra de humanización mentres se mantén un saneamento en mal estado, obrigando a duplicar intervencións e gastos no futuro”, subliñan desde a formación popular.

Na queixa presentada ante a Valedora do Pobo, o PP solicita que se investigue se o Concello ten coñecemento das reclamacións veciñais e cales son os motivos polos que se nega a actuar, así como que se formulen recomendacións para paralizar o remate da obra e modificar o proxecto, incorporando a renovación da rede de saneamento da rúa Milagrosa.

Os populares advirten de que esta situación está a prexudicar directamente os dereitos da veciñanza e a deteriorar a confianza cidadá na xestión municipal. “A veciñanza non pide nada extraordinario, senón que se resolva un problema básico aproveitando unha obra que xa está en marcha. Se o Goberno local non escoita, confiamos en que a Valedora do Pobo actúe como garante dos seus dereitos”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.081436157226562