O PP presenta emendas á ordenanza de Zonas de Baixas Emisións de Lugo

LugoXa
Denuncian falta de transparencia e solicitan melloras no PMUS para garantir un debate aberto e progresivo
ZBE-PP-Lugo
18 Dec 2025

O Partido Popular de Lugo presentou emendas á Ordenanza de Zonas de Baixas Emisións (ZBE), aprobada polo goberno local o pasado venres 13 de decembro nunha xunta de goberno extraordinaria ás 14:45 horas.

O documento non foi facilitado ata o luns 16 ás 15:00 horas, deixando apenas dous días para analizar máis de 100 páxinas de contido técnico complexo, o que, segundo o PP, vulnera o dereito á participación política e á información dos concelleiros, impedindo un debate serio e rigoroso.

O PP critica que o goberno xustifique a transparencia e a participación cunha consulta pública realizada en novembro de 2024, cando a asesoría xurídica sinala que se descoñece a autoría do proxecto técnico que serve de base para a ordenanza e que non consta no expediente administrativo o resultado das consultas previas.

Ademais, subliñan que o documento remitido incluía un resumo sen asinar das alegacións formuladas sen que se valorase se foron incorporadas ou os motivos polos que non o foron. Este procedemento, segundo o PP, repite o mesmo esquema aplicado co Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), aprobado en novembro, afectando temas sensibles como a regulación do tráfico, o acceso ao casco histórico ou a mobilidade urbana.

O PP alerta de que a ordenanza eleva o PMUS por riba do PXOM, consolidando un modelo no que o plan de mobilidade pasa a ter forza normativa, condicionando decisións sobre tráfico, accesos, garaxes e mobilidade no casco histórico. O artigo 4 da ZBE establece que “a implantación da ZBE debe estar integrada e ser coherente cos instrumentos municipais de planificación urbana, coa normativa de calidade do aire e de acción contra o ruído, así como coas medidas adoptadas polo Plan de Mobilidade Urbana Sostible”, integrando de facto o PMUS na ordenanza. Isto contradí o PXOM, que no seu artigo 150.2 só establece a prevalencia das determinacións do PMUS sobre as do plan xeral en certos casos, o que podería xerar conflitos normativos.

Entre os erros detectados, o PP sinala que a ordenanza indica que se aplicará a todo o termo municipal cando afecta só á Zona de Baixas Emisións, confunde referencias a Lugo con Gijón, introduce conceptos non definidos como “zona de especial sensibilidade” e presenta contradicións co PMUS no número de prazas de aparcamento por vivenda ou negocio, podendo comprometer os obxectivos de redución do tráfico no centro.

As emendas presentadas polo PP propoñen devolver ao Pleno do Concello a competencia que actualmente se atribúe ao alcalde, corrixir erros e contradicións, ampliar o tempo de estacionamento para comerciantes de 30 a 60 minutos e aplicar restricións de forma progresiva mediante autorizacións puntuais para casos específicos, como visitas ou xestións esporádicas. O obxectivo é garantir que as decisións que afectan á mobilidade e ao medio ambiente non se adopten de forma apresurada nin polas portas de atrás, permitindo unha transición máis suave para cidadáns e empresas.

⚙ Configurar cookies
0.056862831115723