O PP propón ampliar a mellora da Fervedoira ata a conexión coa Rolda Norte

LugoXa
Os populares reclaman unha actuación integral para garantir seguridade viaria e unha entrada digna a Lugo
fervedoira-lugo-bici-estrada
24 Feb 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo defenderá no pleno unha proposta para completar de maneira integral a mellora do acceso á cidade pola zona da Fervedoira, estendendo a intervención ata a conexión coa Rolda Norte. O obxectivo, segundo explican, é garantir unha entrada máis segura, cómoda e ben iluminada, cun espazo adecuado para peóns e unha imaxe coidada para quen chega á capital lucense.

O goberno local anunciou recentemente unha actuación nun tramo limitado, que abrangue desde a rotonda da rúa Montero Ríos ata o remate da zona urbana, incluíndo a renovación parcial de servizos como o saneamento e unha nova capa de rodadura. Tamén está prevista a ampliación da calzada ata a futura rotonda recollida no PXOM.

Porén, os populares consideran que esta intervención resulta insuficiente e que non resolve os problemas estruturais dun dos principais accesos á cidade. A súa proposta pasa por ampliar a actuación arredor de 1,5 quilómetros máis, co fin de evitar atascos e mellorar cuestións como a estreiteza dos carrís, o mal estado do pavimento, a falta de beirarrúas continuas, a iluminación deficiente e a ausencia de espazos seguros para colectores e paradas de autobús.

O PP enmarca esta iniciativa nun modelo de mobilidade baseado na planificación e na seguridade viaria, lembrando actuacións similares propostas en Nadela e na estrada vella de Santiago.

0.083914041519165