O PP propón crear un GES na Montaña lucense con sede en Cervantes

LugoXa
Os populares levarán a iniciativa á Deputación de Lugo e ao Concello para reforzar a resposta ante emerxencias nunha zona con dificultades de acceso e climatoloxía adversa
PP-Moción-GES-Cervantes
14 May 2026

O Partido Popular trasladará á Deputación de Lugo e ao Concello de Cervantes unha proposta para estudar e promover a creación dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) na comarca da Montaña lucense, con sede neste municipio.

Os deputados provinciais do Partido Popular rexistraron xa unha iniciativa que será debatida no vindeiro pleno da institución provincial e coa que instan ao equipo de goberno a avaliar a idoneidade desta medida e, no seu caso, promover xunto co resto de administracións públicas as actuacións necesarias para facer posible a súa implantación.

Ao mesmo tempo, o PP de Cervantes solicitará a celebración dun pleno extraordinario no Concello para trasladar esta mesma proposta e reclamar o impulso dunha medida que consideran clave para “ofrecer unha primeira resposta rápida e eficaz, complementando o labor dos servizos de bombeiros e protección civil”.

O portavoz provincial popular, Antonio Ameijide, lembrou que no último pleno da Deputación de Lugo foi aprobada por unanimidade unha iniciativa para instar ao goberno provincial de PSOE e BNG a adoptar, coa colaboración doutras administracións, as medidas necesarias para recuperar o servizo dos GES nas zonas da provincia que carecen dunha cobertura suficiente en materia de emerxencias.

Segundo explicou, a prestación efectiva do servizo de emerxencias nos municipios de menos de 20.000 habitantes é unha competencia atribuída ás deputacións provinciais e recentemente ratificada pola Xustiza nunha sentenza do Tribunal de Instancia de Lugo relacionada co GES de Cervo. Os populares consideran agora que a comarca da Montaña é unha localización estratéxica para reforzar a cobertura nunha das chamadas “zonas de sombra”.

Desde o Partido Popular destacan que a comarca presenta unhas características singulares debido á súa orografía complicada, ás grandes distancias entre núcleos de poboación, ás dificultades de comunicación e aos frecuentes episodios de neve durante o inverno, circunstancias que poden incrementar considerablemente os tempos de resposta ante calquera incidencia. Ademais, lembran que se trata dun territorio cunha importante riqueza natural e unha ampla masa vexetal, factores que elevan o risco de incendios forestais.

“Ter un GES na comarca permitiría ofrecer unha primeira resposta rápida e eficaz en casos de incendios urbanos ou forestais, accidentes de tráfico, rescates, riscos naturais ou apoio ao 112, complementando o traballo dos bombeiros e dos servizos de protección civil”, sinalan os populares.

Pola súa banda, o voceiro do PP de Cervantes, Óscar Fernández, defendeu que esta proposta “é fundamental para mellorar a seguridade no municipio e nos da contorna”, especialmente pola dispersión poboacional, a complexidade do territorio e as dificultades climatolóxicas que se rexistran durante o inverno.

Os populares apelan finalmente á colaboración entre administracións para avanzar nunha solución estable que permita reforzar os servizos de emerxencias e mellorar a seguridade dos veciños e veciñas da comarca.

0.11859798431396