O PP propón un aparcadoiro en altura na rúa Castelao e melloras de accesibilidade en Paradai

O Partido Popular deu a coñecer a segunda fase do seu modelo de mobilidade para a zona norte de Lugo cun proxecto que inclúe a construción dun aparcadoiro en altura na rúa Castelao, detrás do edificio administrativo da Xunta, así como actuacións para mellorar a accesibilidade no barrio de Paradai.
Esta proposta compleméntase coas intervencións xa presentadas no mes de maio dentro da primeira fase, que contemplaba un ascensor panorámico e unha pasarela mecánica para salvar o desnivel de 27 metros entre a nova estación intermodal e a Muralla. O conxunto das actuacións podería financiarse cos fondos do Plan Novo Norte, que reserva 5,2 millóns de euros para proxectos de accesibilidade dentro dun total de 20 millóns destinados á rexeneración urbana.
O proxecto do aparcadoiro prevé arredor de 240 prazas e reservar uns 1.000 metros cadrados para uso público, aínda que existen mecanismos urbanísticos que poderían duplicar a súa capacidade. Os populares destacan que esta infraestrutura permitiría solucionar os problemas de estacionamento na zona e, ao mesmo tempo, atraer actividade ao centro histórico. A iniciativa xorde das reunións de escoita activa co tecido social da cidade e conta co apoio da asociación Lugo Monumental, aínda que a súa execución deberá contar co consenso dos propietarios dos terreos.
No caso de Paradai, o PP propón recuperar a conexión que existía entre o Parque do Sagrado Corazón e a Avenida Infanta Elena mediante un sistema alternativo que garanta a accesibilidade. As opcións que se barallan son a instalación dun elevador ou a construción dunha rampa cunha pendente adecuada.
Segundo subliñaron os populares, sumando as dúas fases do proxecto —ascensor, pasarela, aparcadoiro e melloras de accesibilidade— Lugo contaría cun plan de mobilidade moderno, accesible e sostible que facilitaría o acceso á Muralla e ao centro da cidade desde a intermodal, ademais de incrementar o número de prazas de aparcamento nun punto estratéxico.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL
Pola súa parte, o Goberno local subliña que xa se deron os pasos necesarios para que o espazo da rúa Castelao funcione como aparcadoiro público, dentro do marco do plan Novo Norte.
Segundo detallan desde o Executivo, o proxecto para mellorar a mobilidade e a accesibilidade na zona norte da cidade foi deseñado polos servizos municipais e presentado publicamente hai meses, recollendo actuacións como rampas mecanizadas, ascensores e reordenación urbanística para conectar de forma cómoda e accesible a estación intermodal co centro histórico, utilizando as mesmas parcelas nas que se prevé o novo aparcadoiro.
O Goberno local aclara que en ningún caso se contempla a construción dun aparcadoiro en altura, xa que non se corresponde co modelo de cidade que promove. Urbanismo continúa avanzando nos pasos técnicos previos para definir a actuación con rigor, cunha planificación clara e acceso a financiamento europeo.
Desde o Concello destacan a necesidade de cooperación e lealdade institucional para aproveitar esta oportunidade histórica e lamentan o que consideran oportunismo do PP, ao que acusan de apropiarse como propias de propostas e actuacións sobre as que o Goberno xa leva tempo traballando, como sucedeu co plan de mellora da mobilidade na contorna da estación intermodal presentado meses atrás.