O PP propón unha beirarrúa segura entre A Ponte e o cemiterio de San Froilán

LugoXa
A iniciativa inclúe unha partida específica nos orzamentos de 2026 e reclama tamén actuacións pendentes na Ponte Romana e na Estrada Vella de Santiago
Estrada-Vella-de-Santiago-PP-Lugo
23 Jan 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo levará ao Pleno unha proposta para que o goberno local incorpore aos orzamentos municipais de 2026 unha partida específica destinada á construción dunha beirarrúa segura que conecte o barrio da Ponte co cemiterio de San Froilán, atendendo así a unha reivindicación histórica da veciñanza. A formación defende que esta actuación permitiría mellorar a mobilidade peonil, reforzar a seguridade viaria e dignificar unha das entradas á cidade pola estrada vella de Santiago, que recuperou volume de tráfico tras a apertura dun novo acceso á A-54 Lugo Santiago.

A iniciativa foi presentada aos veciños pola voceira do grupo popular, Elena Candia, acompañada do vicevoceiro Ramón Cabarcos, quen explicou os detalles técnicos do proxecto. A actuación céntrase no treito comprendido entre o cruzamento das Regas Rego do Espiño, cunha lonxitude aproximada de 1.250 metros. O documento técnico prevé a execución dunha única beirarrúa sobre unha das actuais cunetas de terra, cun ancho medio de dous metros, e un investimento estimado de 366.952 euros.

Desde o Partido Popular subliñan que se trata dunha intervención necesaria desde o punto de vista da seguridade, ao tempo que supón unha mellora urbana nun acceso á cidade que consideran estratéxico. Xunto a esta proposta, os populares tamén anunciarán no Pleno a solicitude dunha partida específica para a reparación das pedras desprendidas dos tajamares da Ponte Romana, un problema coñecido desde hai anos e que, segundo denuncian, continúa sen resposta por parte do goberno local.

Lembran que nos orzamentos de 2025 se incluíu unha partida xenérica da que PSOE e BNG aseguraron que sairían os fondos para executar esta obra no pasado verán, tras comprometerse previamente a tela rematada no verán de 2024. Porén, sinalan que camiño do verán de 2026 a intervención segue sen realizarse.

Os populares tamén poñen o foco no estado de abandono da contorna da Ponte Romana, que leva anos sen iluminación ornamental, unha situación que consideran incomprensible nun elemento patrimonial e simbólico da cidade que debería estar coidado, mantido e posto en valor.

No encontro cos veciños da Estrada Vella de Santiago, o grupo municipal recolleu outras demandas urxentes, maioritariamente relacionadas coa seguridade viaria e co mantemento. Entre elas, salientan os reiterados reventóns da rede de auga, que provocan molestias continuas pola falta de axilidade nas reparacións.

Ante esta situación, o PP propón a elaboración dun Plan Integral que inclúa medidas de tráfico e mantemento, con actuacións de calmado da circulación á altura das Arieiras, melloras na sinalización, especialmente nunha curva ao saír de Gasóleos Verín para incorporarse á Estrada Vella en dirección á Ponte onde a visibilidade é reducida e xa se rexistraron varios accidentes, reforzo da iluminación, recuperación do alumeado ornamental da Ponte Romana e a eliminación periódica da maleza.

Ademais, a veciñanza trasladou dúas peticións concretas, como a instalación dunha marquesiña de autobús na esquina de Álvaro Cunqueiro coa Estrada Vella de Santiago e a execución do saneamento pendente en rúas lindeiras que aínda carecen de rede.

⚙ Configurar cookies
0.15534090995789