O PP propón unha bonificación progresiva do IBI aos propietarios de solos das áreas de expansión

LugoXa
Rematada a campaña informativa do 5% do PXOM, o PP propón unha bonificación progresiva do IBI aos propietarios de terreos situados en solos cualificados como área de expansión.
reunion romean pp pxom
29 Nov 2023

Rematada a campaña informativa do 5% do PXOM, o PP propón unha bonificación progresiva do IBI aos propietarios de terreos situados en solos cualificados como área de expansión. Ademais, a mesa de urbanismo do Grupo Popular seguirá traballando "para analizar cuestións sectoriais que se poidan mellorar deste documento urbanístico", dixeron.

O PP explica que 15.451.424 m2 da superficie do territorio do municipio está clasificada como solo de área de expansión (posibilitan a construción dunhas 5.885 vivendas) o que implica que “para que os seus propietarios poidan edificar, na maioría das situacións teñen que esperar a que o Concello desenvolva un Plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural para cada un dos ámbitos do rural que incorpore unha área de expansión”.

Esta tramitación dilátase no tempo o que provoca consecuencias negativas para os donos de ditos solos “que están pagando unha carga fiscal polos terreos que teñen a consideración de solo urbano dende a óptica do Catastro, malia que neles non é posible edificar ata contar cos planes especiais”.

Explican que mentres o Concello non os desenvolva non se pode materializar a edificabilidade da que dispoñen polo que dende o PP solicitan bonificar o IBI de forma temporal e progresiva aos seus propietarios.

Os populares aclaran que “ata a data e dende o ano 2011, que se aprobou o PXOM, non se redactou nin só plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural”.

BALANZO CAMPAÑA INFORMATIVA PLAN XERAL

Na mesa de urbanismo, que se celebrou onte, tamén se fixo un balanzo moi positivo dos encontros veciñais que promoveu o Grupo Popular para explicar a situación urbanística trala entrada en vigor do 5% do Plan Xeral.

Indican que os 11 encontros, que tiveron lugar este mes na zona rural e en diferentes ámbitos urbanos, serviron para explicar a situación urbanística de varios núcleos e territorios da contorna urbana tralos cambios do documento en vigor.

Esta acción forma parte da folla de ruta do Grupo Popular onde a #EscoitaActiva é un dos seus sinais de identidade.

REUNIÓN APEC

Esta semana o Partido Popular manterá un encontro de traballo coa nova directiva da Asociación Provincial de Construtores onde revisarán, entre outros aspectos, propostas relacionadas co Plan Xeral como por exemplo a necesidade de refundir o documento para previr diferentes criterios de interpretación.

Os populares consideran que “é preciso unificar toda a documentación gráfica para que teña unha coherencia incorporando as últimas correccións realizadas no 5% do Plan Xeral”.

0.20141196250916