O PP reclama á Deputación que coide Lugo e recupere a súa colaboración co San Froilán

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao Pleno do Concello de Lugo dúas proposicións para reclamar á Deputación Provincial unha maior implicación coa cidade, tanto no mantemento dos espazos verdes e naturais da súa titularidade como na colaboración económica co San Froilán.
A primeira iniciativa céntrase na situación dos espazos provinciais existentes no termo municipal e reclama á Deputación que reforce e planifique de maneira estable os traballos de conservación, limpeza, roza e mantemento das zonas verdes e espazos naturais da súa titularidade.
En concreto, a proposición reclama que a institución provincial recupere o mantemento integral do Parque do Rato e estableza un programa periódico de actuacións durante todo o ano, de maneira que a conservación destes espazos non dependa de actuacións puntuais.
O PP considera que Lugo debe contar cunha atención adecuada sobre os espazos públicos provinciais máis utilizados pola cidadanía e que a Deputación debe asumir plenamente as súas responsabilidades sobre unhas zonas verdes que forman parte do patrimonio e do día a día dos lucenses.
A segunda proposición reclama á Deputación que manteña a súa colaboración económica coas festas do San Froilán e reverta o drástico recorte aplicado este ano.
Como explican os populares, segundo o convenio de colaboración, a achega provincial pasa dos 435.600 euros de 2025 aos 50.000 euros previstos para 2026, unha redución que, ademais, vai acompañada dunha importante limitación sobre o destino dos fondos.
Mentres que a colaboración do ano pasado podía destinarse a diferentes actividades da programación do San Froilán —entre elas concertos, actuacións musicais, verbenas, o Espazo Hip Hop, SanFroidance ou o Electronic Music Fest—, este ano os 50.000 euros quedan vinculados ao uso do galego e fomento da cultura tradicional.
Para o Grupo Municipal Popular, esta decisión supón reducir de maneira moi significativa a implicación da Deputación coa principal celebración festiva da cidade, no que semella unha decisión.
Os populares defenderán que o San Froilán é unha festa de toda a cidade, con actividades para públicos moi diferentes, e que a colaboración da Deputación debe manter o seu compromiso coa festa ou explicar que, ata o de agora, o que tiñan era un compromiso con quen estaba no goberno.
As dúas proposicións teñen, para o PP, un mesmo punto de partida: reclamar á Deputación que se comprometa con Lugo aínda que o goberno da cidade non teña as mesmas cores ca o goberno da institución provincial.
O Grupo Municipal Popular confía en que o resto dos grupos municipais apoien ambas as iniciativas e que o Pleno traslade á institución provincial unha mensaxe clara para recuperar unha colaboración estable e acorde co peso que Lugo ten no conxunto da provincia.