O PP reclama ao Goberno prazos para actuar no firme da N-6a ao seu paso por Becerreá

O Partido Popular volveu levar ao Senado a situación da N-6a ao seu paso polo municipio de Becerreá para reclamar explicacións ao Goberno central sobre as actuacións previstas nesta estrada de titularidade estatal. A iniciativa partiu do portavoz local, José Fernández Carrete, quen solicitou aos representantes populares na Cámara Alta que trasladasen a demanda veciñal ante o estado que presenta o firme.
Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron formalmente preguntas dirixidas ao Executivo para coñecer tanto as intervencións previstas como os prazos que se manexan para a súa execución. Segundo explicou Balseiro, o Goberno de Pedro Sánchez recoñece na súa resposta oficial que están contempladas tarefas de conservación ordinaria do pavimento na N-6a no tramo de Cruzul, pero evita concretar unha data para levalas a cabo.
O tramo afectado sitúase entre os puntos quilométricos 464+700 e 467+200, na antiga estrada nacional que comunica cos núcleos de Cruzul, Ousón e Guillén. Nesta zona, segundo denuncian os populares, o pavimento presenta fochancas e zonas nas que o firme está practicamente desfeito, o que complica a circulación diaria e supón un risco para a seguridade viaria dos usuarios.
Desde o PP consideran que as deficiencias deberían estar xa solucionadas e esixen unha actuación inmediata para garantir a mobilidade dos numerosos veciños e veciñas que empregan esta vía de forma habitual. Fernández Carrete agradeceu que os senadores populares “se fagan eco das demandas do noso municipio” ao trasladar esta reivindicación á Cámara Alta, subliñando a importancia desta estrada para a vida diaria da zona.
Os parlamentarios lucenses sinalan que o propio Goberno admite que a vía require intervencións, polo que agardan que o Executivo cumpra coa súa obriga de manter en condicións axeitadas as estradas da súa competencia. Con todo, amosan dúbidas sobre a dilixencia do Estado ao entender que o estado xeral das infraestruturas de titularidade estatal na provincia evidencia, ao seu xuízo, unha falta de atención cara a Lugo.