O PP reclama o mantemento urxente do Centro de Artesanía de Lugo

LugoXa
Antonio Ameijide explica que “pola falta de mantemento” deste edificio as goteiras e as humidades son as verdadeiras protagonistas
centrad-goteiras-lugo
27 sep 2024

O Centro de Artesanía de Lugo atópase nun estado preocupante debido á falta de mantemento por parte da Deputación provincial, segundo denunciou o voceiro do Partido Popular. Antonio Ameijide asegura que a situación do edificio é tan crítica que “coa chegada das choivas, a auga entra no interior coa mesma intensidade que no exterior”. Esta situación está a pór en risco a seguridade dos traballadores e a preservación das pezas históricas e culturais que alí se gardan.

Ameijide urxe a que se tomen medidas inmediatas para resolver as numerosas deficiencias do edificio, como as goteiras que obrigaron a colocar cubos nos corredores, as humidades que afectan a saúde dos traballadores e os desprendementos do teito, que representan un perigo para quen pase polas zonas afectadas. O voceiro popular tamén criticou a política de mantemento do goberno provincial, encabezado por PSOE e BNG, sinalando que este abandono afecta non só o Centro de Artesanía, senón tamén outras infraestruturas, como a rede viaria, a escola de piragüismo e o centro turístico de Augas Mestas. "É unha triste realidade que reflicte a falta de mantemento das propiedades da Deputación", apuntou. O Partido Popular insta á Deputación a actuar de inmediato para garantir a seguridade no centro e protexer o patrimonio cultural que alí se conserva.

0.097982883453369