O PP reitera a petición de acceso á residencia de Becerreá

LugoXa
Os deputados provinciais do PP solicitaron formalmente ao presidente, José Tomé, visitar o interior do inmoble o 19 de xullo
residencia-becerrea-pp
5 sep 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular demandan que o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, responda ao escrito presentado o pasado 19 de xullo, no que solicitaban acceso ao interior do centro de día e residencia de maiores de Becerreá. Antonio Ameijide, voceiro popular, lamenta que, despois de mes e medio, aínda non recibiron resposta algunha por parte do goberno provincial.

Ameijide explica que, tras visitar o exterior do edificio, onde observaron signos de intentos de acceso forzado e a necesidade de reparacións na fachada, queren agora comprobar o estado do interior e as necesidades reais para a apertura deste centro, que leva máis de tres anos pechado e sen mantemento. O voceiro popular tamén expresou preocupación pola falta de información sobre aspectos clave, como a conexión á rede eléctrica, o mobiliario da cociña e o proceso de contratación de persoal. Ameijide acusou ao goberno provincial de mentir sobre a apertura inminente do centro, cualificando as súas declaracións como unha "fuxida cara adiante".

O PP Provincial xa solicitou amparo da Valedora do Pobo, quen resolveu o pasado 15 de marzo que se debe garantir o acceso aos edificios públicos. Ameijide insta a José Tomé a permitir o acceso ao edificio no prazo máis breve posible, ou a explicar ante a Valedora do Pobo por que se están a incumprir os dereitos fundamentais recollidos na Constitución.

O Grupo Provincial Popular tamén reitera o seu apoio á Plataforma Pro Residencia de Becerreá, comprometéndose a loitar pola apertura desta instalación que podería acoller 140 usuarios (100 en residencia e 40 en centro de día) e crear preto de cen postos de traballo. Ameijide critica o que cualifica como "autoritarismo" de José Tomé, acusándoo de expulsar aos veciños de Becerreá dos plenos da Deputación para evitar escoitar críticas, e lembra que o conflito entre Tomé e o alcalde de Becerreá está a prexudicar a toda a comunidade.

0.11342597007751