O pregón dá comezo a seis días de celebracións de Entroido

LugoXa
Lugo prepárase para celebrar un ano máis as festas do Entroido nuns días cheos de música, festa e disfraces
Entroido Folión lugo
Entroido Folión lugo
17 Feb 2023

O pregónde Marta Veiga que terá lugar hoxe ás 20.00 na praza Maior será o comezo para seis días cheos de actividades e música para celebrar o Entroido. Depois do pregón haberá unha actuación de Condensadores de Fluzo e a partir das 21.30 a charanga Louband estará enchendo de música o recinto histórico.

O sábado 18 a partir das 17.00 terá lugar o concurso infantil e o desfile partirá da praza da Soidade e discorrerá polas rúas Antón Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña e praza Maior. Ademais durante o desfile poderase desfrutar da actuación Clownamorado a cargo de Rudi Dudi a partir das 18.00 na praza Maior.

Este ano os premios do concurso infantil de disfraces repartiranse en varias categorías, unha individual con contías de 100, 80 e 50 euros, outra por parellas onde os premios serán de 150, 120 e 90 euros e outra para comparsas onde os premios serán de 240, 180 e 140 euros. Estes premios serán entregados en dous vales, que sumarán o importe total do premio, un lote de libros, que pode incluír material escolar ou de papelería, e outro para actividades de ocio e tempo libre.

O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio e vinculación coa cultura e valorarán a composición estética, a orixinalidade, a calidade e a presentación e o  prazo para anotarse no concurso infantil remata hoxe ás 14.30.

Xa pola noite Tambukda ás 20.00 e Brassica Rapa ás 22.00 estarán polo recinto histórico enchendo de música as rúas da cidade.

O domingo 19 o pallaso Peter Punk estará co seu espectáculo Chungo que te cagas ás 12.30 na praza Maior. Un espectáculo onde maiores e pequenos poderán desfrutar de malabares, xogos e moitas risas.

A gala de circo Introitus chega o luns á praza Maior da man de Culturactiva ás 18.30. Pola noite a batucada Bloco Meigallo estará a partir das 20.00 soando polo recinto histórico e a partir das 22.00 será o quenda para a charanga Unión Phenosa.

O martes 21 a xornada dará comezo ás 12.30 coa actuación As que máis molan da Gramola do grupo A gramola gominola.

O concurso de disfraces para adultos celebrarase tamén o día 21 de febreiro a partir das 17.00 e terá o mesmo percorrido que o concurso infantil. Os premios desta edición serán de 500, 300 e 200 euros, xunto con tres accésits de 50 euros para a categoría individual. 600, 400 e 300 euros, xunto con 5 premios de 100 euros na categoría de parellas e as comparsas optarán a premios de 1.100, 800 e 600 euros xunto con 7 premios máis de 200 euros. As inscricións rematan o 20 de febreiro ás 14.30.

Ao rematar o concurso de disfraces de adultos ás 18.00 terá lugar a actuación do grupo Carta de ajuste. Para finalizar estas festas de celebracións do Entroido o mércores 22 ás 20.00 terá lugar o enterro da sardiña a cargo da Asociación Cultural Pepe Barreiro.

Programación Entroido
0.18468689918518