O primeiro Pleno ordinario da nova corporación de Burela será o 6 de febreiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O primeiro Pleno ordinario da nova Corporación Municipal de Burela será este xoves, 6 de febreiro, segundo deu a coñecer esta tarde o alcalde, Alfredo Llano.
4 Feb 2020

O primeiro Pleno ordinario da nova Corporación Municipal de Burela será este xoves, 6 de febreiro, segundo deu a coñecer esta tarde o alcalde, Alfredo Llano. A conta xeral de 2018 e unha modificación de crédito serán algúns dos asuntos a abordar.

O rexedor dixo que “neste primeiro Pleno ordinario queremos que se aprobe a conta xeral correspondente ao ano 2018 porque é importantísimo. Xa foi aprobada na Comisión de Economía e Facenda en novembro, pero tivo que pasar por unha exposición pública que rematou o 19 de decembro. Por tanto queremos neste Pleno aprobar definitivamente esa conta xeral, que resultou ser positiva en todos os aspectos e que reflexa un bo remanente, de máis de 3 millóns de euros. Queremos aprobala para que esa conta xeral presentada con todo positivo nos sirva para seguir coa normalidade no Concello, por exemplo para solicitar subvencións e outros labores que sen tela aprobada serían moi difíciles”.

Alfredo Llano contou que “outro punto é unha modificación de crédito, dado que de momento temos que seguir cos orzamentos do ano 2019 prorrogados porque non fixemos o Pleno para aprobar os orzamentos do 2020. Hai un pequeno desfase económico para pagar o servizo de limpeza viaria, polo que imos aprobar unha modificación de crédito para que se poida adaptar o prezo real para o ano 2020 cos orzamentos prorrogados do 2019. Hai que facer unha operación normal de tesourería para poder adaptalo e ter a garantía total de poder afrontar ese gasto neste ano”.

Inspeccións

Por outra banda, o alcalde explicou que “o Concello de Burela iniciou xa esta pasada fin de semana unha serie de inspeccións nos diferentes locais de hostalería, sobre todo nocturnos, para procurar que se adapten ben á normativa vixente, sobre todo no referido aos decibelios que pode haber no seus establecementos”.

Para Alfredo Llano “evidentemente o que se trata desde o Concello é de normalizar e de equilibrar o exercicio dunha profesión bonita e que atrae xente a Burela co dereito ao descanso da xente que está adxacente a eses locais. Xa comezamos o venres pasado e vamos seguir durante este mes de febreiro facendo este tipo de inspeccións co único propósito de normalizar a situación e que se vexa claramente que queremos que exista un equilibrio entre o negocio e o descanso. Pensamos que é importante dado que loxicamente non queremos que haxa protestas, pero queremos que exista actividade”.  

0.22332787513733