O primeiro sorteo da campaña do comercio mariñán celébrase hoxe en Viveiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
23 Sep 2019

Este luns, 23 de setembro, terá lugar o primeiro sorteo de 1.000 euros da campaña da FCAM 1.000 motivos para mercar na Mariña. Será en Viveiro. Todas as persoas que realizaron as súas compras do 16 ao 22 no comercio asociado ao Centro Comercial Histórico entrarán no devandito sorteo. Só teñen que estar atentas ás redes sociais e aos medios de comunicación para coñecer os números das papeletas premiadas. Haberá un premio de 500 euros e cinco de 100 euros cada un en vales de compra para gastar nos establecementos asociados durante os 30 días seguintes á celebración do sorteo en Viveiro. 

En total a FCAM destina 8.000 euros a premios nesta campaña. Mil euros en cada asociación que a conforma: Viveiro, Foz, Xove, Burela, Ribadeo, Covas, Lourenzá e O Vicedo. 

Os sorteos terán lugar os luns na sede de cada Acia participante. A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña desenvólvese do 16 ao 22 de setembro en Viveiro e o sorteo dos 1.000 euros terá lugar o día 23 nos locais do Centro Comercial Histórico; en Foz a campaña terá lugar do 23 ao 29 de setembro e o sorteo será o 30 en Acia Foz; en Xove desenvolverase do 14 ao 20 de outubro e o sorteo realizarase o día 21 na Aciam; a Burela a campaña chegará do 21 ao 27 de outubro e o sorteo está previsto para o día 28 no CCA burelés; en Ribadeo a campaña será do 28 de outubro ao 3 de novembro e o sorteo farase o 4 en Acisa; en Covas esta campaña da FCAM terá lugar do 4 ao 10 de novembro e o sorteo será o 11 en Beiras de Viveiro; 1.000 motivos para mercar na Mariña será en Lourenzá do 11 ao 17 de novembro e o sorteo efectuarase o 18 na Acia laurentina. A campaña rematará do 18 ao 24 de novembro en O Vicedo, onde o sorteo será o 25 na Acia desta vila.

Desde a FCAM lembran que “as rifas das compras realizadas nunha localidade durante os períodos de tempo establecidos, só serven para entrar no sorteo desa localidade. É dicir as rifas de Viveiro serven unicamente para Viveiro, as de Burela so para Burela e así en todos os casos. Serán válidos os tíckets e rifas das compras feitas nos establecementos asociados durante toda a semana na que se realice o sorteo. Os días dos sorteos sacaranse as combinacións premiadas, segundo as rifas repartidas en cada localidade e os números faranse públicos nas redes sociais da FCAM e da asociación participante cada semana e tamén a través dos medios de comunicación da comarca”.

A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña está organizada pola Federación de Comercio A Mariña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18207693099976