O proceso de regularización extraordinaria de migrantes tratarase este martes en Lugo

LugoXa
O Movemento pola Paz ofrecerá, ás 19 horas, unha sesión informativa sobre o proceso na Casa das Asociacións María Mariño
regularizacion-migrantes-lugo
15 Jun 2026

O Movemento pola Paz ofrecerá este martes, ás 19 horas, na Casa das Asociacións María Mariño, unha sesión informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria, co fin de aclarar as principais cuestións que xorden na recta final do proceso, en particular para as persoas que aínda non puideron realizar as xestións administrativas e para aqueloutras que comezan a recibir resposta da administración, en particular requerimentos de documentación.

O prazo deste proceso extraordinario remata o vindeiro 30 de xuño, e supón unha importante oportunidade para moitas persoas migrantes residentes en Lugo cidade e provincia para acceder aos dereitos que ten a situación de regularidade, polo que o Movemento pola Paz continúa ofrecendo un servizo prioritario de atención xurídica co fin de facilitar a tramitación dos expedientes.

O Movemento pola Paz é unha organización especializada en atención á poboación vulnerable, e en particular a persoas migrantes, que traballa en Galicia desde 2019, e que vén de abrir unha sede en Lugo desde o mes de abril. A entidade comenza a súa andaina na cidade centrando o seu traballo na posta en marcha dunha asesoría xurídica de estranxeiría, en coordinación con outras entidades e os Servizos sociais da cidade, e con financiamento da Xunta de Galicia.

A atención préstase mediante cita previa na rúa Quiroga, 5, e está aberta a todas as persoas migrantes, sexan residentes ou non na cidade. Ademáis, o Movemento pola Paz trasladará o seu servizo de asesoría a concellos da provincia, como Vilalba, a montaña e a comarca de Lemos, co fin de achegar este servizo a zonas rurais para facilitar o acceso das persoas que o precisen.

0.11970114707947