O programa Da Escola á Granxa amosa a nenas e nenos a moenda no Muíño de Coea, en Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Estudantado do CEIP Caselles Rollán de Xove participou esta mañá nunha das máis de 200 actividades formativas do programa
muino-de-coea-castro-de-rei
21 Oct 2026

O deputado Daniel García achegouse esta mañá ao Muíño de Coea, en Castro de Rei, onde se desenvolveu unhas das propostas formativas do programa Da Escola á Granxa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Medio cento de alumnas e alumnos do CEIP Pedro Caselles Rollán participaron na actividade na que puideron coñecer o funcionamento do muíño -restaurado mantendo a arquitectura orixinal- e o proceso de moenda dos cereais, seguindo as explicacións de Óscar Miranda, unha das persoas responsables desta pequena produción chairega. Durante a actividade, tamén se familiarizaron coa variedade de cereais e fariñas e os seus usos alimentarios e levaron para a casa unha mostra da fariña moída en Coea.

Daniel García sinalou "se trata dunha actividade nova dentro do catálogo educativo do programa da Escola á Granxa, que pretende trasladar aos nenos e as nenas a realidade dun rural produtivo onde está a orixe dos alimentos que consumimos"

O deputado valorou “a colaboración das granxas e producions agroalimentarias que participan no programa, así como das anpas e dos colexios que decidiron incorporar estas actividades á aprendizaxe das súas fillas e fillos”. “As nenas e nenos teñen que ter referentes e vivencias positivas para que vexan o rural e a actividade agrogandeira como unha opción de futuro, que é o que pretendemos con este programa”, subliñou.

O Muiño de Coea é un dos sete proxectos que participan por primeira vez este ano no programa Da Escola á Granxa, que inclúe na súa oferta formativa un total de 45 granxas e producións agroalimentarias, repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar, a produción de leite ou a elaboración de queixos e marmeladas.

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo articula esta oferta formativa e financia os desprazamentos do estudantado e as actividades con axudas directas ás anpas, que reciben entre 300 e 1.100 euros por cada actividade. Nesta quinta edición, o programa dá cobertura a 210 actividades formativas nas que participarán máis de 6.000 nenos e nenas de 74 centros educativos.

0.14722084999084