O programa Da Escola á Granxa amplía os seus recursos educativos cun novo xogo didáctico

O programa de educación rural Da Escola á Granxa, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, continúa medrando coa incorporación dun novo material lúdico e didáctico pensado para reforzar a aprendizaxe da infancia arredor da actividade agrogandeira. Trátase de O Xogo da Pita Choca, unha proposta educativa que amplía os recursos do programa coincidindo coa súa quinta edición.
O novo xogo foi presentado no Pazo de San Marcos polo deputado de Rural, Daniel García, nun acto no que participaron asociacións de nais e pais implicadas no programa, a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza de Lugo, Cristina López, e a tesoureira da Federación Provincial de Anpas de Lugo, Leticia Gutiérrez, entidade que colabora desde o inicio na organización da iniciativa.
O Xogo da Pita Choca foi deseñado por Inés López Penelas, de Inpe, e Cristina Rodríguez, de ZZ Design, e conta cun taboleiro en espiral composto por 63 casiñas numeradas, ilustradas con animais e alimentos producidos nas granxas que participan no programa. Estes elementos representan o potencial produtivo da provincia de Lugo e permiten achegar ás nenas e nenos á realidade do rural dun xeito didáctico e participativo.
Daniel García explicou que este material nace para celebrar a traxectoria do programa, que nas súas catro primeiras edicións permitiu que máis de 18.000 nenas e nenos de toda a provincia visitasen granxas e proxectos de emprendemento no rural coa colaboración das anpas. De cara ao quinto aniversario, optouse por un xogo de mesa que se pode tocar e compartir, en coherencia coa filosofía de Da Escola á Granxa, baseada en referentes reais e próximos como gandeiras, gandeiros e produtores que participan activamente no programa.
O deputado sinalou tamén que o xogo toma o seu nome dun dos poemas de O soño na gaiola, de Manuel María, “A pita choca”, no que se fala do coidado, un valor que identifica ás anpas e ás familias ás que vai dirixido este recurso educativo.
Pola súa banda, Leticia Gutiérrez enmarcou a colaboración da FAPACEL co programa no obxectivo común de recuperar o valor e a visibilidade do rural e dunha forma de vida que definiu como digna, moderna, con futuro e respectuosa co medio ambiente, ao tempo que se defenden os dereitos do alumnado. Cristina López destacou especialmente a oportunidade que Da Escola á Granxa ofrece ás nenas e nenos da cidade, que adoitan ter menos vínculo coa actividade agrogandeira, para coñecer a orixe dos alimentos e achegarse a actividades ligadas ás raíces e á identidade da sociedade galega.
Todas as ANPAs que participaron na última edición do programa recibirán un exemplar do xogo, que xa foi estreado por algunhas das nenas e nenos que asistiron á presentación. O Xogo da Pita Choca súmase así a outros materiais didácticos do programa, como a colección de libros Os Bolechas van da Escola á Granxa, iniciada en 2022 e renovada cada ano coa incorporación das granxas participantes, reforzando e diversificando a oferta formativa da iniciativa.