O programa de Xadrez na Rúa fará parada este luns na Praza do Camiño Primitivo

O Concello de Lugo continuará este luns, 13 de xullo, coa programación das Xornadas de Xadrez na Rúa, unha proposta gratuíta que pretende achegar este deporte á cidadanía e dinamizar distintos espazos públicos da cidade durante o verán.
A cita desenvolverase na Praza do Camiño Primitivo KM 100 entre as 12.00 e as 14.00 horas. Durante ese tempo instalaranse taboleiros para que as persoas participantes poidan disputar partidas simultáneas fronte a mestres titulados. Esta iniciativa desenvolverase de forma paralela ao I Open Internacional Fuxan os Ventos, reforzando a programación dedicada ao xadrez na cidade.
As xornadas continuarán o mércores 15 de xullo na Praza da Milagrosa e o venres 17 de xullo na Praza do Castiñeiro. En ambos os casos, as actividades celebraranse tamén en horario de 12.00 a 14.00 horas. A participación será gratuíta, cun máximo de 24 xogadores, e será preciso realizar unha inscrición previa a través do teléfono 657 974 937 ou do formulario habilitado pola organización.
Segundo explica o Concello, a presenza de mestres titulados permitirá que afeccionados de diferentes idades compartan partidas nun formato aberto e participativo, co obxectivo de fomentar a práctica do xadrez e favorecer a convivencia veciñal.
O Goberno local destaca tamén que o desenvolvemento das actividades ao aire libre e a presenza de persoal especializado converten esta programación nunha proposta accesible e pensada para facilitar a participación da veciñanza e contribuír á conciliación familiar durante o período estival.