O programa 'Lugo de corazón a corazón' achegará a prevención cardiovascular a 16 concellos da provincia

A prevención das enfermidades cardiovasculares chegará a 16 municipios lucenses a través do programa "Lugo de corazón a corazón", impulsado pola Asociación Lucense de Cardioloxía (ACARLU) coa colaboración económica da Deputación de Lugo. A institución provincial concedeu unha subvención nominativa de 8.217,50 euros para desenvolver actividades formativas e de acompañamento dirixidas á veciñanza, tamén fóra dos principais núcleos urbanos.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e o responsable de ACARLU, Francisco Villanueva, formalizaron o convenio este venres. Tras a sinatura, ambos visitaron a mesa informativa que a asociación instalou na praza de San Marcos para dar a coñecer o seu labor.
O programa contempla 16 intervencións presenciais que se desenvolverán desde outubro ata a primavera. As actividades incluirán charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e prevención de factores de risco, ademais de formación en primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar (RCP) e uso de desfibriladores.
A iniciativa completarase con exercicios físicos adaptados, camiñadas e espazos para compartir experiencias entre persoas que viven ou viviron problemas cardiovasculares. O proxecto incorpora tamén un modelo de acompañamento entre pacientes, no que persoas con experiencia propia contribúen á información e ao apoio doutras afectadas.
As sesións chegarán á Pontenova, Guitiriz, Navia de Suarna, Bóveda, Antas de Ulla, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Foz, O Vicedo, Monforte de Lemos, Muras, Cervantes, Vilalba, Ribas de Sil, Trabada e Barreiros.
Á marxe deste convenio, a Deputación está a preparar a renovación da formación en cardioprotección para o persoal da institución. Tamén ultima un informe sobre os medios dispoñibles nos 67 concellos da provincia neste ámbito, co obxectivo de facilitar a mellora do equipamento e da formación.