O programa “Miño Vivo” arranca con membros de Raiolas na Reserva da Biosfera Terras do Miño

LugoXa
Nesta primeira sesión, a actividade foi guiada por Alejandro Rodríguez e Jessica Fernández, coordinador e colaboradora da Oficina Verde
raiolas-en-terras-do-mino
12 Jun 2026

A Fundación Breogán e a UNED de Lugo puxeron en marcha este venres o proxecto “Miño Vivo”, unha iniciativa de educación ambiental destinada a promover o coñecemento, a participación social e a conexión coa natureza na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a maior de Galicia.

A primeira actividade contou coa participación de persoas usuarias de Raiolas, acompañadas por educadoras e terapeutas desta entidade, que traballa con persoas do espectro autista. A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, e o director da Fundación Breogán, Luis Abel, deron a benvida ás persoas participantes e presentaron unha proposta orientada a favorecer o contacto coa natureza e o goce do patrimonio natural da provincia de Lugo.

A actividade estivo conducida por persoal da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, que ten a súa sede en Lugo. Nesta primeira sesión, a actividade foi guiada por Alejandro Rodríguez e Jessica Fernández, coordinador e colaboradora da Oficina Verde.

As actividades de “Miño Vivo” están deseñadas e impartidas integramente por persoal da UNED de Lugo, no marco do proxecto #LugoNaturalMente, unha liña de traballo consolidada do centro orientada á educación ambiental, á posta en valor do patrimonio natural da provincia e á sensibilización arredor da sustentabilidade.

“Miño Vivo” nace coa vontade de traballar xunto a asociacións, colectivos sociais e entidades de Lugo a través de experiencias vivenciais no exterior, combinando aprendizaxe, sensibilización ambiental, participación activa e creación colectiva.

As sesións desenvolveranse na contorna do río Miño mediante dinámicas participativas centradas na observación da biodiversidade, a identificación da flora autóctona, a escoita activa da natureza e a elaboración dun mural colaborativo con elementos naturais recollidos durante a actividade.

Ao longo deste mes desenvolveranse novas actividades con diferentes entidades do terceiro sector, co obxectivo de achegar a biodiversidade da contorna do río Miño a persoas con diversidade funcional e favorecer unha educación ambiental inclusiva, activa e conectada co territorio.

O programa continuará o 16 de xuño con Dano Cerebral Lugo; o 17 de xuño co H.U.L.A.; o 18 de xuño con ASPNAIS; o 19 de xuño con San Vicente de Paul; os días 23 e 26 de xuño con COGAMI; o 26 de xuño con Grazas Avós; e o 30 de xuño con Down Lugo.

Desde a UNED de Lugo sublíñase que este proxecto se integra plenamente no espírito de #LugoNaturalMente, unha iniciativa que procura unir coñecemento académico, participación cidadá e compromiso ambiental para contribuír á protección e divulgación da riqueza natural da provincia.

Pola súa banda, a Fundación Breogán reforza con esta colaboración o seu compromiso co territorio, coa inclusión social e co impulso de iniciativas que favorezan a participación cidadá e a posta en valor do patrimonio natural de Lugo.

0.12380504608154