O programa 'Toponimízate' chega mañá a Guntín

LugoXa
Chega a Guntín Toponimízate a campaña con que a RAG trata de concienciar da importancia de salvagardar a toponimia tradicional
Toponimizate guntin
22 Nov 2022

O concello de Guntín é a primeira parada desta semana de Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña con que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, trata de concienciar a poboación da importancia de salvagardar a toponimia tradicional a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada. A Casa da Cultura será o lugar do encontro este mércores, 23 de novembro, a partir das 12:00 horas. A charla será presentada pola alcaldesa, María José Gómez Rodríguez, e polo profesor de Lingua e Literatura Galega Carlos Vázquez García, que asistirá cun grupo de alumnas e alumnos do CPI Tino Grandío para involucralos no proxecto.

Vicente Feijoo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada, será o encargado de impartir a sesión nun concello do interior da provincia de Lugo no que conflúen catro indicadores claros que alertan do risco da perda da toponimia tradicional. O primeiro deles é o avellentamento, pois case a metade dos seus habitantes supera os 60 anos, ao que hai que sumar a perda de veciños e veciñas e, polo tanto, de persoas que coñezan o propio territorio. Desde 1990 Guntín viu como se reducía un 40% a súa poboación.

Outro factor é que Guntín non participou no Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que este proxecto estivo activo, polo que os nomes das súas leiras, fontes, camiños, penedos... están sen recoller. Por último, desde a posta en marcha da aplicación Galicia Nomeada, hai xa case 3 anos, dos máis 50.000 microtopónimos que as persoas colaboradoras achegaron, só un pertence ao territorio do termo municipal de Guntín.

Neste contexto, a charla deste mércores centrarase no funcionamento de Galicia Nomeada, despois dun percorrido introdutorio pola riqueza toponímica de Galicia, o seu valor como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de perderse nas últimas décadas.

O relatorio tamén incluirá a explicación dos nomes das 31 parroquias de Guntín e dalgún dos seus lugares, unha parte que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, académico de número e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. No caso deste concello, xa hai un traballo de investigación previo sobre a súa toponimia maior realizado polo profesor Carlos Vázquez e publicado no ano 2003 baixo o título Toponimia de Guntín de Pallares.

Entre algunha das curiosidades que atesoura a toponimia de Guntín figuran Matei ou Grolos. O primeiro trátase dun antrotopónimo procedente do sintagma (villa) Mathei. Tamén antropónimo pode ser Grolos, pois podería derivar dun nome persoal latino Grullus, aínda que tamén foi explicado como hidrónimo procedente dunha raíz *Graw.

0.19619703292847