O proxecto Ciencia á Feira estreou o obradoiro 'O monte é noso' na Fonsagrada

O proxecto de divulgación científica Ciencia á Feira estreou este luns 17 o obradoiro 'O monte é noso', unha iniciativa destinada a dar a coñecer os montes veciñais en man común entre o alumnado de quinto e sexto de primaria do CEIP Santa María da Fonsagrada.
Deseñado polas profesoras da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Ana Cabana Iglesia, Elena Freire Paz, Tamara López Fernández e Noelia Valiño Vázquez, este obradoiro busca achegar ao estudantado a unha forma de propiedade forestal única en Galicia e en zonas limítrofes.
En Galicia, os montes veciñais en man común representan o 22% do territorio e o 33% da superficie forestal. A diferenza dos montes de propiedade pública ou privada, estes son xestionados de maneira colectiva pola comunidade veciñal. "Trátase dunha propiedade histórica que segue tendo unha enorme relevancia e está chamada a cobrar aínda máis importancia no futuro no que respecta ao desenvolvemento rural, a economía sustentable e as políticas ambientais", explican as profesoras responsables do obradoiro.
Durante a actividade no CEIP Santa María da Fonsagrada, o alumnado reflexionou sobre cuestións como a posibilidade de vender un monte veciñal, os requisitos para ser comuneiro ou para deixar de selo, e se existe algún monte comunal na súa contorna.
Paralelamente, Ciencia á Feira tamén estreará o próximo 26 de febreiro o obradoiro "As velutinas e nós", que se impartirá no IES de Melide. Esta actividade, impulsada por Ana Isabel García Arias, María Ferreira Golpe e Xulio Maside dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra, abordará a problemática das avespas asiáticas, unha especie invasora que se asentou en Galicia e afecta tanto á biodiversidade como a diversas actividades económicas e sociais.