O proxecto de Altri en Palas poñería en risco 4 especies ameazadas, según Adega
A asociación ecoloxista ADEGA deu a coñecer recentemente datos obtidos polo grupo de investigación de análise e conservación da biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que confirman a presenza de catro especies botánicas ameazadas na área onde a empresa ALTRI-Greenfiber pretende implantar un complexo industrial en Palas de Rei. Entre estas especies, tres son endemismos exclusivos de Galicia, dous deles en perigo crítico de extinción.
Os estudos levados a cabo reflicten a presenza de especies como a Armeria merinoi e a Santolina melidensis, ambas en perigo crítico, así como a Leucanthemum gallaecicum e a Centaurea gallaecica, esta última clasificada como vulnerable segundo a "Lista Roja de la Flora Vascular de España". Estas plantas habitan en zonas de afloramentos de rochas ultrabásicas, un hábitat natural de grande valor ecolóxico que se vería gravemente afectado pola instalación do complexo industrial, que ocuparía un total de 360 hectáreas.
ADEGA advirte que aproximadamente 101 hectáreas dese terreo coinciden coa área de distribución destas especies, o que suporía a destrución directa de núcleos poboacionais e de hábitats prioritarios protexidos pola Unión Europea. A organización denuncia que as medidas compensatorias propostas por ALTRI, como a translocación das especies afectadas, non son viables. Segundo os expertos da USC, as características únicas do solo destas áreas non poden ser replicadas noutros lugares, e calquera intento de reubicación podería resultar nun fracaso.
Diante destas evidencias, ADEGA esixe á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que emita un informe desfavorable ao proxecto, e pide á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que rexeite definitivamente a construción do complexo industrial para protexer este valioso ecosistema.