O proxecto de ampliación e remodelación da Protectora de Lugo recibe outro informe negativo do Concello

Desde a Área de Urbanismo do Concello de Lugo informan de que se ven "obrigados a informar desfavorablemente" ao proxecto de ampliación e remodelación das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo en Muxa, ao "non cumprir a distancia mínima de separación a lindeiros", tal e como establece a Lei do Solo de Galicia.
O segundo informe municipal sinala que o expediente presentado non corrixe as deficiencias detectadas no primeiro requirimento, enviado a primeiros de xuño, no que xa se indicaba a necesidade de respectar os cinco metros libres a lindeiros e outras cuestións pendentes de emendar.
O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, destacou que o apoio do Goberno Local á legalización, ampliación e remodelación da Protectora segue intacto, sempre que se cumpran os requisitos legais.
“Xa no primeiro requirimento instabamos a solucionar as deficiencias en canto á distancia a lindeiros e outras cuestións. Neste novo informe volvemos pedir o cumprimento do retranqueo de cinco metros para poder legalizar o proxecto, garantindo tamén a demolición das instalacións que non cumpran coas novas normas”, explicou Bustos.
O edil lembrou, ademais, que o Concello está pendente da declaración de Incidencia Ambiental que concede a Xunta de Galicia, actualmente en fase de exposición pública ata o próximo 8 de setembro, o que permitirá presentar posibles alegacións. O Goberno Local insiste en que continuará colaborando co proxecto sempre que se axuste á lexislación vixente e se corrixan os erros detectados.