O proxecto do futuro centro de respiro para persoas con alzhéimer en Calde dá un novo paso

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co director do Centro de Día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU), Valentín Calvín Fondevila, para analizar o estado do proxecto do futuro centro de respiro destinado ao apoio das persoas con alzhéimer e das súas familias, previsto no antigo Hospital de Calde.
Durante o encontro, a responsable municipal trasladou o compromiso expresado pola Xunta de Galicia de continuar dando pasos para facer realidade este servizo, que considera estratéxico para reforzar a atención ás persoas afectadas por esta enfermidade e ao seu contorno.
Na reunión, o director do Centro de Día de AFALU presentou o anteproxecto técnico da actuación, un documento que permitirá avanzar na definición deste novo recurso asistencial, considerado prioritario para atender as necesidades das persoas con alzhéimer e outras demencias, así como das súas familias.
A proposta contempla a rehabilitación da terceira planta do antigo Hospital de Calde para crear un centro de respiro especializado. O futuro equipamento incluiría habitacións individuais, espazos de convivencia, áreas de rehabilitación, enfermaría, comedor e outros servizos adaptados ás necesidades asistenciais das persoas usuarias.
A alcaldesa destacou a importancia desta actuación para reforzar a rede de recursos sociosanitarios da cidade e apoiar ás persoas coidadoras. “Desde o primeiro momento tivemos claro que Lugo necesitaba un recurso destas características. Hoxe damos un novo paso cun anteproxecto que achega este obxectivo e que permitirá seguir avanzando para facer realidade un servizo moi necesario para as persoas con alzhéimer e as súas familias.”
Elena Candia reiterou tamén a disposición do Goberno municipal para seguir colaborando con AFALU e co resto das administracións implicadas no desenvolvemento deste proxecto, co obxectivo de dotar a Lugo dun centro especializado que sirva de apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias.