O proxecto europeo SOCILIBRE pecha en Lugo cunha xornada sobre mobilidade sostible e loxística urbana

O proxecto europeo SOCILIBRE puxo punto e final nunha xornada celebrada no CEI-Nodus de Lugo, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que permitiu compartir experiencias e coñecer solucións innovadoras para avanzar cara a unha mobilidade urbana máis sostible.
O proxecto deixa como resultado tres documentos técnicos: un estudo de viabilidade para o desenvolvemento dun modelo de reparto de última milla, unha análise de boas prácticas europeas en loxística urbana de baixas e cero emisións e un modelo de gobernanza.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que estes traballos constitúen unha valiosa base de coñecemento para afrontar os retos asociados á implantación das ZBE e para redefinir solucións que permitan compatibilizar os obxectivos ambientais co desenvolvemento económico e coa vida diaria da cidadanía.
Durante a presentación do acto, a rexedora reafirmou o compromiso do goberno municipal cun modelo de cidade sostible que cumpra cos obxectivos ambientais marcados pola Unión Europea, pero que tamén teña en conta as necesidades da cidadanía, do comercio, da hostalaría e dos sectores produtivos, insistindo na necesidade de atopar solucións equilibradas e adaptadas á realidade de Lugo.
A través do programa SOCILIBRE tamén se favoreceu a inclusión social e laboral de colectivos en situación de vulnerabilidade, especialmente persoas refuxiadas e inmigrantes, mediante accións formativas desenvolvidas coa participación de Cruz Vermella Lugo e Cruz Vermella Portuguesa.
A xornada, celebrada nos xardíns do CEI-Nodus, incluíu unha exposición de vehículos preparados para o reparto urbano en zonas de baixas emisións, amosando alternativas que permiten compatibilizar a actividade económica cos obxectivos de sustentabilidade.
SOCILIBRE está financiado polo programa de cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e conta cunha achega de máis de 317.000 euros sobre un investimento total superior aos 422.000 euros.