O proxecto LIFE Lugo+Biodinámico está a impulsar á cidade internacionalmente

LugoXa
El proyecto LIFE Lugo+Biodinámico está impulsando a la ciudad de Lugo de manera internacional. El comité mantuvo un encuentro.
23 abr 2022

Este venres tivo lugar a reunión do comité de dirección do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, liderado polo Concello, que conta coa cofinanciación da Unión Europea e a Deputación Provincial, así como coa labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

O LIFE está a ser un revulsivo para a proxección internacional de Lugo, situando ao municipio como un referente en materia de sostibilidade; e clave da recuperación económica post pandemia, impulsando o sector forestal galego, aproveitando un dos principais recursos naturais dos que dispón a comunidade como é a madeira.

O obxectivo deste proxecto é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Así, búscase que os procedementos desenvolvidos poidan servir como de exemplo demostrativo para a súa aplicación noutros municipios e cidades de tamaño medio (como Lugo), para que poidan ofrecer novas formas alternativas de actuación no contexto do cambio climático e as consecuencias que se derivan diso para as contornas urbanas.

Previamente á reunión do comité de dirección, tivo lugar a reunión do comité de xestión e seguimento do proxecto. Ambos encontros serviron para informar á Comisión Europea sobre o progreso e logros alcanzados (técnicos e financeiros) no proxecto e realizar o seguimento do mesmo, tendo en conta que en ambas reunións participou Dimas Ramos, encargado da monitorización externa do LIFE Lugo+Biodinámico, designado pola Axencia Europea Executiva do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) da Comisión.

Dimas Ramos pertence ao Equipo LIFE de Neemo (LIFE Neemo Team) e presta asistencia técnica á Comisión Europea e á Axencia Europea para a Pequena e Mediana Empresa na avaliación e control de proxectos LIFE en España e Portugal.

Tras finalizar as reunións do comité de dirección e do comité de xestión e seguimento, os participantes realizaron unha visita ao edificio Impulso Verde e ao bosque urbano onde coñeceron a nova zona de arboretum, os soutos, e a área de frondosas autóctonas e a de cultivos enerxéticos en contorna urbana.

O LIFE de Lugo, un proxecto referente

O LIFE Lugo+Biodinámico, que se atopa nun avanzado estado de execución, contempla accións pioneiras e vangardistas entre as que destacan: a construcción do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira galega e semente do futuro Barrio Multiecolóxico da cidade; o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD-Lugo, que inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio e a Calculadora de Efectos Ambientais, unha das ferramentas máis innovadoras e que fai que este catálogo sexa pioneiro en Europa; ou a creación do novo bosque urbano das Gándaras, que alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.

Entre as actuacións que se están a poñer en marcha no marco deste proxecto tamén se atopan a elaboración dun estudo piloto para a planificación detallada de zonas de confort climático residencial na cidade; a urbanización da parcela do Impulso Verde, coa humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación de zonas peonís con material drenante; ou a creación dunha innovadora zona verde, de máis de 12.610 m² na Garaballa, que permitirá conciliar usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos coa creación de novos hortos urbanos.