O proxecto para desenvolver a urbanización do treito da Quinta de Pérez será aprobado na Xunta de Goberno

LugoXa
El proyecto para desarrollar la urbanización del trecho de la Quinta de Pérez será aprobado en Xunta de Goberno.
Imaxe de arquivo da presentación da nova humanización de Paradai
27 Apr 2022

Esta semana a Xunta de Goberno aprobará inicialmente o proxecto para desenvolver a urbanización e ensanche do treito da Quinta de Pérez no que conflúen as rúas Otero Pedrayo e Río Sil; un ámbito de titularidade privada que aínda non fora executado na súa totalidade e que carece, nunha das dúas marxes, de beirarrúas e de parte da calzada.

O concello aplaudiu o paso dado pola iniciativa privada para acondicionar este enclave o que se traducirá nunha mellora da accesibilidade en toda a zona que favorecerá o tránsito peonil.

A actuación deseñada permitirá resolver a continuidade dos itinerarios que comunican estas dúas vías pero xa nunhas condicións dignas de urbanización, con todos os servizos de abastecemento e saneamento, mellorando notablemente o estado do pavimento actual, as dimensións da calzada, e tamén as dotacións de iluminación o que redundará nunha maior seguridade, especialmente en horario nocturno.

A intervención servirá tamén para ordenar a oferta de prazas de estacionamento existentes na zona, minimizando os espazos residuais e erradicando así puntos insalubres ou degradados, o que se imbrica no espírito que impulsamos dende o Executivo para acadar unha cidade máis integradora e habitable para todos e todas.

A urbanización posibilitará a incorporación ao viario público de novos espazos de convivencia que puideran estar ligados a novas actividades económicas ou de esparexemento, susceptibles de establecerse nos aproveitamentos lucrativos da contorna e que, para a súa implantación, precisaban da devandita urbanización.

A materialización destas obras, que teñen un custo de 160.000 euros e dispoñen de 6 meses de prazo de execución, outorgaranlle a este punto da capital unha dimensión máis amable e confortable, unha dimensión pola que avoga a estratexia municipal e coa que se pretende contemplar todas as necesidades reais, cotiás e variadas da cidadanía, abandonando as anteriores tendencias máis uniformes e tradicionais.

Actualmente,a área de Medio Ambiente está a crear unha nova área de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro, apostando así por rexenerar este barrio lucense, logo de arranxar, a inicios de ano, o gran banco de Paradai, de 14 metros de lonxitude, moi empregado pola veciñanza. Actuacións de humanización ás que o Concello pretende contribuír coa próxima construción doutro espazo de ocio e convivencia interxeracional que incluirá unha zona de xogos infantís.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Na sesión deste mércores, o equipo de Goberno, procederá a autorizar catro expedientes de Expropiación por Ministerio de Lei – a iniciativa dos seus propietarios - doutras tantas parcelas, sitas na Rolda Xosé Castiñeira e que, no seu conxunto, ocupan un total de 1.461 m² polos que o Concello abonará un importe total de 380.429 euros.

0.17200207710266