O proxecto ríos fará actividades en Monforte, Castro Ribeiras de Lea, Lugo e Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
É unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental promovida por Adega e financiada pola Deputación da Coruña e pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil
proxecto-rios-adega
16 Apr 2026

O Proxecto Ríos, impulsado pola organización ecoloxista Adega, puxo en marcha este mércores, 15 de abril, a súa campaña de primavera 2026, que se desenvolverá ata o vindeiro 15 de xuño cun amplo programa de actividades arredor dos ríos galegos.

Durante estes dous meses, o proxecto de educación ambiental en ríos máis lonxevo do país organizará saídas formativas, accións de custodia fluvial, cursos de formación e a itinerancia dunha nova exposición co obxectivo de implicar a cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Haberá actividades na provincia en Monforte, Castro Ribeiras de Lea, Lugo e Pol.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental promovida por ADEGA e financiada pola Deputación da Coruña, a través da súa área de medio ambiente, e pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). O programa busca dar a coñecer o papel fundamental dos ríos, sensibilizar sobre as súas problemáticas e fomentar a participación activa da sociedade na súa protección e mellora.

Entre as actividades previstas destacan as saídas formativas con centros de ensino, concellos e asociacións. Nelas, as persoas participantes percorren un treito de río mentres coñecen de maneira práctica a metodoloxía do proxecto, co fin de poder desenvolver posteriormente o programa de maneira autónoma.

En concreto, e con motivo do seu 20 aniversario, o Proxecto Ríos estrea a exposición itinerante 20 anos de Proxecto Ríos, unha mostra composta por 11 paneis que percorren a traxectoria do programa ao longo das súas dúas décadas de vida. A través de contidos divulgativos, imaxes e exemplos de boas prácticas, a exposición pon en valor o traballo desenvolvido polo voluntariado ambiental, a evolución do proxecto e o seu impacto na conservación e coñecemento dos ecosistemas fluviais galegos.

Trátase dunha ferramenta didáctica pensada para achegar á cidadanía en xeral e ao alumnado en particular a importancia dos ríos e fomentar a implicación social na súa protección. A mostra está xa dispoñible para a súa itinerancia, polo que calquera entidade, centro de ensino ou colectivo da provincia da Coruña pode solicitar a súa instalación nos seus espazos.

Todas as actividades desenvolvidas con ocasión desta efeméride enmárcanse na campaña Súmate á corrente, que ten como obxectivo ampliar a base social do Proxecto Ríos para estudar e protexer uns ecosistemas fluviais vitais para a biodiversidade. Neste sentido, Proxecto Ríos fai un chamamento a formar parte activa deste programa de actividades.

As actividades que se levan a cabo na provincia de Lugo iniciaranse o 28 de abril cunha saída formativa no IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos). O 29 de abril será a vez do  IES da Terra Chá, José Trapero Pardo (Castro de Ribeiras de Lea) e pecharase o 30 de abril cunha actuación similar co colectivo Cogami, en Lugo e o CEIP Rosalía de Castro, en Pol.

0.131422996521