O proxecto 'Stat Wars' achega a estatística ao alumnado preuniversitario

LugoXa
O proxecto de divulgación científica Stat Wars: A rebelión dos datos, achega a estatística ao alumnado preuniversitario
imagen_stat_wars_imperio portada
imagen_stat_wars_imperio portada
26 mar 2023

O proxecto de divulgación científica Stat Wars: A rebelión dos datos,  liderado polo Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos da USC, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación, da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), cita este luns 27 de marzo, a partir das 11.00 horas, no lugués Pazo de San Marcos, uns 160 estudantes de terceiro e cuarto curso da ESO no IES Sanxillao.

O proxecto Stat Wars: A rebelión dos datos constitúe unha iniciativa dirixida a alumnado preuniversitario, a través da que se pretende achegar a mocidade á disciplina estatística dunha maneira amena e divertida, con xogos e concursos, nos que poderán
poñer en práctica o seu espírito crítico e descubrir diversas aplicacións da Estatística na vida real, presentándoa como unha vocación científica de futuro.

A profesora de Estatística da Facultade de Matemáticas da USC Mercedes Conde, o profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e director do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, Manuel Marey, e as xestoras da investigación no Grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos (GRID-BDS) Ana Bouzas e Berta Rial, serán as responsables de impartir este obradoiro participativo e de divulgación científica que se prolongará en quenda de mañá.

Stat Wars é unha idea orixinal da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M), que a Rede Biostatnet lanzou no ano 2017 ao territorio nacional baixo a coordinación da USC, a través do grupo GRID-BDS. A última edición desta acción de divulgación científica contou coa participación dunha ducia de universidades españolas: Universidade de Almería, Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade Carlos III de Madrid, Universidade de Castilla La Mancha, Universidade de Estremadura, Universidade de Granada, Universidade de Navarra, Universidade de Oviedo, Universidade do País Vasco, Universidade Politécnica de Catalunya, Universidade de Salamanca e Universidade de Valencia.

imagen_stat_wars_imperio