O PSdeG acorda en Lugo a creación dun Consello Nacional Municipal

A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG acordou a creación do Consello Nacional Municipal e aprobou as bases que regularán o seu funcionamento. O novo órgano comezará a operar no mes de xuño e estará composto por alcaldes, alcaldesas e voceiros municipais socialistas de toda Galicia.
O obxectivo é dotar ao municipalismo socialista, o máis importante de Galicia, dun espazo permanente de coordinación política para erguer unha fronte común ante a incapacidade da Xunta de atender as necesidades dos concellos galegos.
Desde o PSdeG sosteñen que a administración local leva tempo sufrindo unha asfixia deliberada por parte do Goberno galego, que descarga competencias e servizos sobre os concellos sen achegar o financiamento que lles corresponde.
O Consello Nacional Municipal nace, ademais, coa vista posta nas eleccións municipais de 2027, sinaladas polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como a primeira gran cita electoral do partido. O órgano servirá para coordinar a estratexia dos gobernos locais socialistas, compartir diagnósticos sobre a situación dos concellos e amplificar a voz do municipalismo galego nun contexto de tensión crecente coa Xunta.
Rexeitamento á “indecencia” do PP
A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG reuniuse en Lugo, a poucos días da moción de censura coa que o Partido Popular pretende arrebatarlle a Alcaldía da cidade ao socialista Miguel Fernández. O propio alcalde asistiu á xuntanza, na que a dirección do partido lle trasladou o seu respaldo e manifestou o apoio explícito á súa xestión á fronte do Concello.
Os socialistas expresaron tamén un rexeitamento unánime á forma de actuar do PP nesta operación, que cualificaron de moción de censura “indecente”. A Executiva denunciou que o asalto á Alcaldía de Lugo se sostén sobre dous alicerces inaceptables: o aproveitamento do falecemento de tres compañeiros do grupo municipal socialista e a compra dunha concelleira tránsfuga. Para o PSdeG, esta operación supón unha agresión directa á vontade expresada polos lucenses nas urnas e un atentado contra a calidade democrática.