O PSdeG acusa a Ameijide de “mentir deliberadamente” para construír unha “campaña de intoxicación”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Efrén Castro asegura que non se destinará "nin un euro" á defensa de Tomé e que o PP só quere "desinformar e crispar"
reunion-psoe-provincial-lugo
18 Jun 2026

O PSdeG da provincia de Lugo acusou con dureza ao portavoz do Partido Popular na Deputación, Antonio Ameijide, de “mentir deliberadamente” e de “manipular información para construír unha campaña de intoxicación contra o goberno da Deputación Provincial de Lugo e a súa Presidenta, Carmela López”.

Dende o PSdeG lembran que é “rotundamente falso” afirmar, como está facendo o Partido Popular, que a Deputación de Lugo teña decidido pagar a defensa xurídica de ningún cargo público. “Non hai ningún acordo adoptado e non hai ningún acto administrativo que implique o uso de fondos públicos para este fin. Ameijide sábeo perfectamente pero minte con descaro na liña dos seus dirixentes actuais, sabendo que a mentira e as falsas acusacións non teñen ningún coste político para o seu partido”, sinalan.

As e os socialistas subliñan que a Deputación xa explicou con absoluta claridade que conta cunha póliza de responsabilidade civil para autoridades e persoal da Administración Xeral -un instrumento habitual nas administracións públicas- e que calquera cobertura estaría sometida a condicións claras e taxativas.

“O que está facendo Ameijide é especialmente grave: omite deliberadamente información esencial e pretende trasladar á cidadanía a idea falsa de que a Deputación está sufragando a defensa dun investigado con diñeiro público. Iso é rotundamente falso. Non é unha interpretación, non é unha discrepancia política: é unha falsidade”, afirman dende o PSdeG provincial.

A formación socialista advirte que “o maior mérito de Ameijide é copiar o modelo indecente, clientelar e okuPPa da súa xefa provincial, Elena Candia, a base de mentiras, acusacións infundadas e medias verdades, convencido de que así chegará tamén a ocupar algún día algún sillón”. “O Partido Popular de Candia está convencido de que para triunfar como políticos teñen que ser malas persoas e practicar a política do medo e a mentira. A mentira ten as patas moi curtas e as malas persoas sempre acaban mal, incluso entre os seus. Pronto daranse conta delo”, censuran.

O PSdeG acusa ao portavoz popular de actuar con “mala fe política” e de “converter a mentira nun método de oposición”. “Imos dicirlle a este aprendiz de okuPPa que minte máis que fala e fala máis que sabe, e que para ser político -mesmo de dereitas- non hai que ser mala persoa nin manipular, insinuar ou embarrar. As malas persoas enseguida se recoñecen e nunca acaban ben. O tempo será testemuña para el e para a súa xefa”, sentencian.

A formación socialista defende o PSdeG da Deputación de Lugo seguirá actuando con rigor, transparencia e respecto absoluto á legalidade, fronte a un Partido Popular que “opta por incendiar o debate público con mentiras”. “O debate político é lexítimo, pero non pode sustentarse en deformar os feitos nin en difundir mensaxes que non se corresponden coa realidade. A mentira ten as patas moi curtas e Ameijide volveu quedar retratado”, conclúen.

O BNG ASEGURA QUE NON SE DESTINARÁ "NIN UN EURO" Á DEFENSA DE TOMÉ

O voceiro do BNG na Deputación, Efrén Castro, reafirmou que o goberno da Deputación "non destinará nin un só euro á defensa xurídica de José Tomé".

O vicepresidente da Deputación ratificou o posicionamento sostido en todo momento, remarcando que "nunca estivo sobre a mesa deste goberno nada similar ao que suxiriu o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide" este mércores en declaracións aos medios de comunicación.

A este respecto, Efrén Castro denunciou que "o Partido Popular minte intencionadamente co único propósito de desinformar e crispar, que é o único proxecto que teñen para a provincia de Lugo".

0.12994980812073