Xunta, Concello e Deputación buscan medidas contra os xabarís mentres o PSdeG reclama máis implicación autonómica

LugoXa
As administracións comprométense a colaborar na limpeza e mantemento dos terreos para reducir a presenza destes animais
reunión-xabarís-Lugo
6 Aug 2026

Representantes do Concello de Lugo, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia mantiveron este xoves unha reunión na Casa do Concello para abordar o incremento da presenza de xabarís no municipio, especialmente nas proximidades de zonas habitadas e no casco urbano. As tres administracións coincidiron na necesidade de reforzar a coordinación institucional para adoptar medidas que permitan reducir a presenza destes animais e minimizar os riscos que xeran para a cidadanía.

Durante o encontro púxose de manifesto que a proliferación de xabarís en zonas urbanas e periurbanas constitúe un problema crecente de seguridade e salubridade, ao poder provocar accidentes de tráfico, danos en propiedades, infraestruturas e cultivos, ademais de situacións de perigo para os veciños.

As administracións participantes coincidiron en que unha das principais vías para afastar estes animais dos núcleos poboados pasa por evitar que atopen alimento e refuxio nas proximidades das vivendas. Neste sentido, destacaron a importancia de manter en boas condicións de limpeza e conservación tanto as parcelas públicas como as privadas.

O Concello lembrou a vixencia do bando municipal sobre limpeza, mantemento e xestión da biomasa, que obriga ás persoas propietarias a conservar os seus terreos en condicións adecuadas de seguridade, salubridade e ornato. O documento establece a realización de tarefas de limpeza, roza e retirada de vexetación para evitar acumulacións de biomasa que poidan favorecer a presenza de fauna salvaxe preto das zonas habitadas.

Pola súa banda, a Deputación de Lugo ofreceu asistencia técnica e ambiental, apoio en materia de información territorial e cartográfica, coordinación cos concellos da contorna e colaboración nas actuacións que afecten ás infraestruturas da súa titularidade. Ademais, lembrou o reforzo do Plan Provincial de Roza, que permitiu intensificar os labores de mantemento da vexetación na rede viaria provincial.

A Xunta de Galicia trasladou a súa disposición para colaborar e ofreceu ao Concello a posibilidade de formalizar un convenio para instalar medidas preventivas destinadas a reducir a entrada e presenza de xabarís en puntos concretos do municipio.

As tres administracións comprometéronse a manter aberta esta vía de colaboración, identificar as zonas máis afectadas e estudar novas medidas conxuntas de prevención, limpeza e mantemento.

Tras a reunión, o PSdeG da provincia de Lugo considerou que o encontro evidenciou a falta de coordinación entre o Concello e a Xunta para afrontar unha problemática que, segundo sinala, leva meses xerando preocupación entre a veciñanza. Os socialistas lembraron que as competencias en materia de fauna silvestre corresponden á Administración autonómica e reclamaron ao Goberno galego que asuma a dirección e coordinación das actuacións necesarias.

A formación tamén criticou a ausencia de representantes técnicos da Xunta e do Concello na reunión, fronte á participación de responsables técnicos da Deputación. Segundo o PSdeG, esta circunstancia demostra que o encontro tivo un carácter máis político que técnico.

Os socialistas destacaron ademais o reforzo do Plan Provincial de Roza, que este ano conta cun investimento de 2,4 millóns de euros e permitiu incrementar máis dun 75 % a prestación do servizo, así como realizar unha segunda pasada de desbroces na maior parte da rede viaria provincial. Finalmente, reclamaron á Xunta a activación dun protocolo único de actuación e unha resposta inmediata e coordinada para facer fronte á presenza de xabarís no casco urbano.

0.12480902671814