O PSdeG acusa á Xunta de ter "un modelo improvisado e imposto" sobre a instalación de plantas de biogás

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Patricia Iglesias reclamou unha planificación “xusta e racional” fronte ao “despropósito” que o Goberno galego “está executando de costas ao territorio e de costas á xente”
TEIXEIRO stop planta biogás
18 Sep 2026

A portavoz socialista de enerxía e industria no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe á Xunta unha planificación e unha normativa específicas para a construción de plantas de biogás en Galicia, co fin de garantir, entre outros aspectos, as distancias mínimas respecto de vivendas, a correcta avaliación do impacto ambiental e a habilitación de mecanismos de participación cidadá para darlles voz ás persoas afectadas por ese tipo de instalacións.

Durante a súa defensa dunha iniciativa parlamentaria nese senso, Iglesias cargou contra o actual “modelo improvisado, desordenado e imposto” que o PP defende e demandou unha planificación “xusta e racional”. Citou, ademais, algúns dos exemplos “de desorde e despropósito”, como os proxectos das Maroñas (Mazaricos), de Abadín, de Coeses (Lugo), de Curtis e de Soandres (A Laracha).

Sobre esta última, “o exemplo máis sangrante do descontrol”, recordou que prevé o tratamento de 73.000 toneladas de residuos ao ano, incluíndo lodos de depuradora, “a escasos metros de vivendas, afectando ao río Anllóns e destuíndo o proxecto vital da veciñanza”.

A parlamentaria socialista criticou, neste caso concreto, “a descomunal hipocrisía do PP”, cun alcalde que votou contra a planta “porque ten a presión veciñal enriba” mentres o PP de Bergantiños se opón á regulación e á suspensión cautelar das licenzas. “Votan unha cousa nun concello e a contraria no do lado, e outra distinta cando chegan a Santiago. Teñen a cara de dicirlles aos veciños que os apoian mentres lles poñen a alfombra vermella ás empresas promotoras”, subliñou.

Patricia Iglesias preguntouse se o PP coñecía desde 2022 os plans para Soandres “e quixo agocharllo á veciñanza” e invitou ao BNG a “estar unidos para facer forza” en vez de “confundir e politizar”. A portavoz socialista no Concello da Laracha, Inés Ramos, seguiu desde o Parlamento o debate da iniciativa en comisión.

Iglesias puxo como exemplo do que debería facer o Goberno galego a regulación que está impulsando Castela-A Mancha, a través dun decreto autonómico que establece criterios de distancia mínimos estritos a núcleos de poboación, autonomía municipal “con dereito de veto real para que os concellos decidan o seu modelo de ordenación” e marcos homoxéneos que garanten a seguridade xurídica “sen destruír o rural”.

0.15921497344971