O PSdeG acusa á Xunta e ao Concello do abandono da torre de Torés tras novos desprendementos

A parlamentaria socialista Lara Méndez responsabilizou á Xunta de Galicia e ao Concello das Nogais da situación de deterioro avanzado da torre de Torés, un monumento do século XV declarado Ben de Interese Cultural, que o pasado mes de febreiro sufriu o que cualificou como o peor desprendemento “en anos”.
Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria e Turismo do Parlamento galego na que criticou que o Goberno autonómico non vaia destinar recursos para a conservación deste patrimonio. Segundo explicou, a Xunta ten a obriga de protexer os bens declarados BIC, aínda que a xestión do inmoble fose cedida ao Concello no ano 2013 por un período de 25 anos.
A deputada do PSdeG lamentou que nin a Xunta nin o goberno local do PP estean a atender as demandas da veciñanza, que reclama non só unha intervención de reconstrución, senón a consolidación da ruína, considerada o último resto dunha antiga fortaleza medieval.
Tamén criticou a actuación municipal, asegurando que o Concello se limitou a instalar uns focos “para que se vexa ben como se vai deteriorando este BIC ano tras ano”, mentres acusou á Xunta de “botar balóns fóra” na súa responsabilidade.
Méndez defendeu que a conservación da torre de Torés é unha obriga legal e moral, pero tamén unha oportunidade para reforzar o potencial turístico do municipio, situado na Vía Künig, unha variante do Camiño de Santiago menos saturada que o Camiño Francés.
Por último, criticou a política turística da Xunta, á que acusou de empregar organismos como a Axencia Galega de Turismo para financiar actividades como orquestras en parroquias mediante contratos menores, unha práctica que vinculou coa falta de transparencia e co uso discrecional dos recursos públicos.