O Pleno de Lugo aproba por unanimidade iniciar o expediente para nomear a Xoán Montes fillo predilecto da cidade

O Pleno do Concello de Lugo aprobou por unanimidade unha proposta impulsada polo goberno local para iniciar o expediente de nomeamento de Xoán Montes Capón como fillo predilecto da cidade, nun acordo co que se busca recoñecer e poñer en valor o seu legado cultural, musical e humano, considerado unha das figuras máis destacadas da historia de Lugo.
Desde o goberno local destacouse que a memoria e a obra de Xoán Montes “merecen altura política, responsabilidade e sentido institucional”, subliñando que se trata dunha distinción que debe representar ao conxunto da cidade e recoñecer unha figura que forma parte do patrimonio colectivo lucense.
A solicitude formal foi presentada no Rexistro Xeral do Concello o 17 de outubro de 2025 pola Asociación Orfeón Xoán Montes e contou co apoio de numerosas entidades e representantes do ámbito musical, cultural e educativo da cidade.
Entre os asinantes figuran o Seminario Diocesano de Lugo, o Círculo das Artes, a Banda Municipal de Lugo, o Conservatorio Profesional de Música, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital Xeral Calde, o Coro Lucus Terra, o Coro Xuvenil de Lugo, o Coro Amigos do Camiño, o Coro Adas do Colexio Fingoi, Lucus Ensemble, Son de Lugo, a Asociación Cultural e Musical Reviravolta, a Coral Xolda, a Coral Solo Voces, a Schola Gregoriana Lucensis, a Banda Filharmónica de Lugo, a Orquestra Terra Nova, a Asociación Cántigas e Frores, o IES Xoán Montes e a Coral Cantar Delas, ademais do propio Orfeón Xoán Montes como entidade promotora da iniciativa.
A alcaldesa puxo en valor o consenso acadado arredor desta proposta e o traballo desenvolvido polas entidades que impulsaron a petición.
DENUNCIAN QUE NON SE PERMITIU O DEBATE
O voceiro socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, criticou con dureza a decisión da alcaldesa, Elena Candia, de impedir que o Pleno ordinario debatera unha proposición do Grupo Municipal Socialista para iniciar o procedemento de nomeamento de Xoán Montes como Fillo Predilecto de Lugo e do doutor Mariano Castiñeira como Fillo Adoptivo da cidade.
Fernández cualificou o sucedido como “un feito gravísimo e absolutamente inconcibible nun sistema democrático”, asegurando que se trata do “maior acto de vulneración da democracia vivido nun Pleno ordinario deste Concello”. Segundo o edil socialista, o goberno local empregou de maneira “interesada” un informe técnico para evitar que a corporación puidese pronunciarse sobre a proposta.
O voceiro do PSOE acusou directamente á rexedora de “terxiversar conscientemente” o contido do informe e de utilizar a Xunta de Voceiros como “escenificación” para xustificar a retirada do punto da orde do día, apelando á necesidade dunha unanimidade previa que, ao seu xuízo, non era esixible.
Fernández defendeu que non existía ningunha traba técnica nin regulamentaria para iniciar o procedemento, lembrando que o Regulamento de Honras e Distincións permite que o impulso político parta do propio Pleno, ao que definiu como órgano soberano do Concello. Neste sentido, considerou que o que existiu foi unha vontade política de bloqueo mediante unha interpretación “interesada” da norma.
O portavoz socialista tamén cuestionou o uso do concepto de unanimidade institucional, sinalando que esta debe construírse no proceso de instrución do expediente e non ser imposta como condición previa que impida o debate político. Ademais, acusou o Partido Popular de incumprir compromisos previos relacionados co recoñecemento conxunto de ambas figuras.
Finalmente, advertiu de que o sucedido abre un “precedente democrático preocupante”, ao considerar que se limitou o dereito de iniciativa da oposición e o debate no Pleno, o que, ao seu xuízo, supón unha actuación “antidemocrática” e contraria á dignidade institucional do Concello.
Tamén o BNG de Lugo cualificou de “absolutamente lamentable” que a alcaldesa "decidise vetar" a proposta para declarar a Mariano Castiñeira fillo adoptivo da cidade.
O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, explicou que se trataba dunha proposta que “en principio ía ser aprobada por unanimidade” e denunciou que Candia bloquease o debate “escudándose nun formalismo”. Segundo indicou Arroxo, “nunca xamais se vetara ningunha proposta a ser debatida”.
O portavoz nacionalista sinalou ademais que durante a sesión preguntou expresamente ao secretario do Pleno se existía a posibilidade de presentar unha emenda in voce para solucionar o formalismo alegado pola presidencia, ao que o propio secretario respondeu afirmativamente. “A pesar diso, a Sra. Candia non o permitiu”, denunciou.
Para o BNG, o sucedido supón “un desprezo innecesario” á figura de Mariano Castiñeira, unha persoa “cun recoñecemento intachable na nosa cidade”. Arroxo lembrou a traxectoria de Castiñeira como adestrador de centos de atletas lucenses, “dende atletas olímpicos ata atletas de base”, así como o seu labor profesional como médico e o seu compromiso solidario, especialmente a través de iniciativas desenvolvidas en Latinoamérica.
“Hoxe era o día para que Mariano Castiñeira fose recoñecido por unanimidade pola cidade de Lugo”, afirmou Arroxo, que concluíu lamentando que “Candia estropease este gran día”.
O BNG reitera o seu compromiso para que Lugo poida renderlle a Mariano Castiñeira a homenaxe e o recoñecemento institucional que merece.
APROPIACIÓN DOS AVANCES DO ANTERIOR GOBERNO LOCAL
Pola súa parte, a concelleira socialista Ana González Abelleira acusou ao Goberno local de “intentar apropiarse politicamente” dos avances en materia de persoal promovidos polo anterior executivo municipal e instouno a “deixar atrás a propaganda e cumprir cun calendario claro de traballo” para acadar os obxectivos marcados en beneficio da administración local.
González Abelleira explicou que o anterior Goberno municipal deixou definida a comezos deste ano unha folla de ruta elaborada de maneira coordinada cos técnicos municipais, na que se establecían as prioridades da política de persoal para 2026. “Non estamos ante anuncios improvisados nin ante iniciativas do actual Goberno. Trátase dun documento serio, consensuado e traballado, que deixaba perfectamente delimitadas as liñas de actuación para reforzar os servizos municipais”, asegurou.
A edil socialista lembrou que este marco de planificación incluía a execución da Oferta de Emprego Público de 2025, os procesos de acceso libre e promoción interna, a cobertura de postos de traballo e listas de contratación, así como o desenvolvemento da carreira profesional do persoal funcionario.
Segundo detallou, a liña de actuación deseñada en colaboración co coordinador de persoal recollía expresamente que durante o ano 2026 se procedería á execución da OEP en función das necesidades organizativas e da dispoñibilidade material, fixando ademais unha orde de prioridades que debía ser pactada na Mesa Xeral de Negociación, que finalmente non puido celebrarse pola moción de censura.
Neste contexto, González Abelleira criticou que o Goberno de Elena Candia “pretenda atribuírse méritos alleos” en cuestións como o reforzo da Policía Local ou do Servizo de Extinción de Incendios. “Esta mesma semana vimos como o actual Executivo trataba de presentar como logros propios cuestións que xa estaban previstas e encamiñadas polo anterior Goberno. No caso da Policía Local e dos Bombeiros, o único que fixeron foi formalizar o traballo que outros deixaron preparado”, afirmou.
A concelleira destacou tamén que entre as prioridades marcadas figuraban os Servizos Sociais, o persoal técnico dos subgrupos A1 e A2, a administración xeral e os oficios e servizos operativos, sempre baixo criterios técnicos e organizativos consensuados.
Do mesmo xeito, lembrou que a promoción interna constituía “un eixo prioritario” da política de persoal para 2026 e que o documento xa contemplaba a posibilidade de desenvolver os procesos de maneira simultánea ou independente respecto do acceso libre, segundo os acordos que se adoptasen na Mesa Xeral.
En relación coa carreira profesional, González Abelleira sinalou que o anterior executivo deixara prevista a apertura dunha negociación específica durante o primeiro trimestre de 2026, incorporando distintas opcións de implantación e a creación dunha comisión específica para abordar este proceso.
“Había planificación, había diálogo e existía unha estratexia clara para modernizar e fortalecer a administración municipal. O que lle pedimos agora ao Goberno de Candia é que deixe de perder o tempo en operacións de márketing político e se dedique a executar con rigor o traballo que xa estaba iniciado”, concluíu.
A edil socialista lembrou tamén que a folla de ruta incluía a revisión, actualización e creación de listas de contratación ao longo de 2026, un traballo que xa quedara realizado e coordinado cos procesos selectivos, garantindo en todo momento os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e transparencia.