O PSdeG alerta dun “risco de retroceso” en Urbanismo tras os cambios no Concello de Lugo

LugoXa
Miguel Fernández critica a saída de perfís técnicos e reclama estabilidade e rigor na planificación urbanística da cidade
Miguel-Fernández,-alcalde-de-Lugo
29 May 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, advertiu de que Lugo “corre un serio risco de retroceso” en materia urbanística tras os cambios impulsados polo Goberno de Elena Candia na estrutura municipal, especialmente pola saída de Hipólito Pérez da dirección de Urbanismo.

Fernández cualificou esta decisión como “un lastre” para a planificación da cidade e para un sector que considera clave tanto para o desenvolvemento económico de Lugo como para garantir o acceso da cidadanía a unha vivenda digna.

O portavoz socialista afirmou que o urbanismo non pode converterse nun espazo de intercambio político nin nunha ferramenta para “pagar favores” tras a moción de censura, defendendo que a cidade precisa estabilidade, rigor técnico e profesionais solventes á fronte dunha área estratéxica.

Neste sentido, puxo en valor o traballo desenvolvido durante o anterior mandato, no que se incrementou o número de licenzas concedidas e se priorizou a axilización dos tempos de tramitación, un obxectivo que atribúe ao labor coordinado do equipo dirixido por Jorge Bustos.

Fernández destacou que se conseguiu modernizar a xestión urbanística, reducir tempos administrativos e crear un contexto máis favorable para a actividade económica e a promoción de vivenda en diferentes zonas de desenvolvemento da trama urbana.

Así mesmo, advertiu de que proxectos estratéxicos como o Plan Municipal de Vivenda “quedan seriamente ameazados” polo novo rumbo do Executivo local, ao que acusa de priorizar a reorganización de cargos fronte á planificación da cidade.

O portavoz socialista foi especialmente crítico coa posibilidade de substituír perfís técnicos por designacións políticas, asegurando que un cambio de estas características sería “profundamente prexudicial” para o futuro de Lugo.

Tamén destacou a importancia da coordinación entre Urbanismo e outras áreas implicadas na captación de fondos europeos, especialmente para proxectos de transformación urbana como Novo Norte, ao que considera clave para a renovación da zona norte da cidade.

Fernández insistiu en que Lugo precisa unha planificación urbanística estable, seria e profesional, afastada da improvisación e dos intereses partidistas, e instou ao Goberno local a manter a liña de traballo do anterior executivo. Subliñou que está en xogo o futuro da cidade, a creación de oportunidades económicas e o acceso á vivenda, polo que reclamou que non se utilice este ámbito por intereses internos do Partido Popular.

0.14083504676819