O PSdeG cuestiona a planificación do Arde Lucus e reclama máis información sobre a seguridade do evento

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Jorge Bustos, manifestou a súa preocupación pola organización do Arde Lucus cando faltan poucos días para a celebración dunha edición especialmente significativa, xa que coincide co 25 aniversario desta festa, recoñecida como de Interese Turístico Internacional e considerada un dos principais referentes culturais, turísticos e económicos da cidade.
O edil lembrou que durante os días da celebración Lugo chega a duplicar a súa poboación habitual coa chegada de milleiros de visitantes procedentes de diferentes puntos de España e doutros países. Por este motivo, considera imprescindible que exista unha planificación exhaustiva e unha coordinación adecuada por parte das administracións implicadas. Segundo indicou, a relevancia do evento fai especialmente preocupante o que cualificou como unha sensación de improvisación por parte do actual Goberno municipal.
Bustos asegurou que, segundo a información que manexa o seu grupo, a festa aínda non contaría cun Plan de Autoprotección completamente elaborado, aprobado e coordinado para esta edición. Neste sentido, lembrou que a normativa autonómica establece a obrigatoriedade deste documento en eventos multitudinarios ao aire libre que superan determinados niveis de asistencia, unha circunstancia que considera evidente no caso do Arde Lucus.
O representante socialista subliñou que este plan resulta esencial para coordinar a actuación dos servizos de emerxencia, establecer protocolos de evacuación, avaliar posibles riscos e garantir a seguridade dos asistentes. Ao seu xuízo, a estas alturas todos estes aspectos deberían estar xa perfectamente definidos e operativos.
Ademais, reclamou a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo especial que require unha celebración destas características. Bustos considera que a escasa información pública existente sobre os operativos de seguridade, tráfico, emerxencias e protección cidadá xera incerteza nun momento clave para a organización do evento.
O concelleiro tamén expresou dúbidas sobre a estrutura técnica encargada da preparación da festa. Segundo explicou, asociacións participantes trasladaron ao Grupo Socialista que en diversas reunións organizativas celebradas nos últimos meses non estiveron presentes técnicos municipais vinculados habitualmente ao Arde Lucus nin persoal doutros servizos especializados do Concello.
Neste contexto, lamentou que, precisamente no ano no que se conmemora o 25 aniversario da celebración, non se estea aproveitando de forma máis visible a experiencia acumulada polos profesionais municipais que participaron no desenvolvemento da festa desde as súas primeiras edicións. Tamén considerou necesario reforzar a colaboración con departamentos especializados, como o de Arqueoloxía, para preservar o rigor histórico dunha recreación que forma parte da identidade cultural lucense.
Para Jorge Bustos, a situación evidencia unha falta de planificación que, segundo afirmou, preocupa a parte do tecido asociativo implicado na organización. Por iso, instou ao Goberno local encabezado por Elena Candia a ofrecer información detallada sobre o estado do Plan de Autoprotección, a convocatoria da Xunta Local de Seguridade e a estrutura técnica responsable da coordinación do Arde Lucus.
O edil concluíu defendendo a necesidade de garantir unha organización rigorosa dun evento que proxecta a imaxe de Lugo a nivel internacional e que, segundo destacou, foi construído ao longo de décadas grazas á implicación das asociacións, dos servizos municipais e da cidadanía.
PREOCUPACIÓN DO BNG
A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, criticou que a web de entradasLugo anunciase que as entradas do Circo Romano poderán collerse a partir do día 12, pero a poucos días do inicio da festa de interese turístico internacional do Concello de Lugo, a veciñanza de Lugo e os centos de persoas que se van achegar a Lugo nestas datas non poden planificar aínda a súa visita ás festas, "unha absoluta falta de planificación por parte do Goberno Municipal", afirmou Maite Ferreiro, quen destacou que "nin o boletín cultural conta coa programación para a fin de semana do Arde Lucus".
A edil do BNG afirmou que "estamos ante un novo exemplo de que ao PP non lle interesa a cultura", e reclamou ao goberno "que se poñan a traballar xa para que o Arde Lucus siga a ser un gran evento que poña a Lugo no mapa". Ferreiro criticou que o PP desde a oposición reclamaba "coidar e mellorar este evento, mentres que agora desde o goberno están a maltratalo, atrasando cuestións tan básicas como publicar o programa".
"A cultura é un dereito que, ademais, xera riqueza, trátase da expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo", declarou Maite Ferreiro, que engadiu "é unha ferramenta esencial para a cohesión, a transformación social e o fortalecemento da identidade galega". A concelleira do BNG afirmou que o Goberno Municipal "ten que cambiar de rumbo co que fixo durante este mes e apostar en serio pola cultura".
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL DO PP
O Goberno local quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade e confianza á cidadanía e aos colectivos que fan posible o Arde Lucus, reafirmando o seu compromiso cunha festa que é patrimonio de toda a cidade e un dos principais sinais de identidade de Lugo.
Por iso, lamenta os intentos de xerar polémica e de danar a imaxe desta festa de recreación histórica nun momento no que todos os esforzos deberían estar centrados en contribuír ao éxito dunha edición tan especial como a do seu XXV aniversario.
O Executivo municipal considera sorprendente que quen foi responsable da área durante os últimos anos pretenda agora dar leccións sobre a organización da festa. Sinala ademais que o Arde Lucus 2025 tivo que imputar máis de 70.000 euros de gastos ao orzamento municipal de 2026, un feito que interpreta como relevante na xestión recente.
A este dato súmase tamén a existencia dunha factura próxima aos 4.000 euros correspondente a unha viaxe de promoción a Portugal que finalmente foi cancelada. Segundo o Goberno local, trátase de feitos obxectivos que evidencian que quen deixou esta situación dificilmente está lexitimado para cuestionar o traballo que se está a realizar nestes momentos.
En relación co Plan de Autoprotección, o Executivo local asegura que dará todas as explicacións detalladas na vindeira Xunta de Seguridade, órgano no que se abordará esta cuestión técnica con rigor e responsabilidade.
O Goberno local insiste en que está centrado en resolver problemas e en traballar da man dos colectivos e asociacións para garantir o éxito do Arde Lucus, afastándose de polémicas e apostando por ofrecer solucións e reforzar unha festa que considera motivo de orgullo para a cidade. Engade que, pese ás críticas que cualifica de infundadas, o Arde Lucus continúa moi vivo grazas ao compromiso dos colectivos, participantes e da cidadanía.