O PSdeG de Baleira denuncia a falta de medidas para protexer os animais do sol na Mostra de Gando

LugoXa
Os socialistas piden á Xunta que inspeccione o desenvolvemento do evento e comprobe se se cumpriu a normativa de benestar animal
jose tellado-candidato psoe-baleira
17 Jul 2026

O PSdeG de Baleira criticou a xestión do Goberno local do Partido Popular durante a celebración da Mostra de Gando de Baleira, desenvolvida o pasado domingo no Cádavo, ao considerar que os animais permaneceron durante toda a xornada expostos ao sol e sen espazos habilitados para protexerse das altas temperaturas.

O voceiro socialista, José Tellado, censurou que o Concello non adoptase medidas preventivas para garantir o benestar dos animais, malia que as condicións meteorolóxicas facían prever unha xornada de calor intensa. Segundo indicou, os exemplares permaneceron "a pleno sol, sen sombra e sen ningún lugar no que poder resgardarse", unha situación que, ao seu xuízo, non debería producirse nun evento destas características.

Ante estes feitos, o PSdeG solicita que os servizos de vixilancia, inspección e sanidade animal da Xunta de Galicia actúen de oficio para comprobar as condicións nas que se desenvolveu a mostra e determinar se se produciu algún incumprimento da normativa de benestar animal.

Tellado afirmou que corresponde á Administración autonómica investigar o sucedido e aclarar se existiron posibles irregularidades. Na súa opinión, a falta dunha actuación por parte da Xunta suporía "mirar para outro lado" ante uns feitos que considera merecedores de revisión.

Os socialistas lembraron ademais que o seu portavoz xa propuxera nun pleno municipal a adquisición dunha carpa que permitise ofrecer zonas de sombra tanto á veciñanza como en diferentes actividades e eventos organizados no municipio, incluídas citas como a Mostra de Gando. Segundo sinalan, esta iniciativa non foi atendida polo equipo de goberno, nin se adoptaron medidas alternativas para minimizar a exposición ao sol.

José Tellado asegurou que non era necesaria unha planificación complexa para prever esta situación, tendo en conta as elevadas temperaturas rexistradas durante este verán, e insistiu en que un evento ao aire libre debía contar con espazos suficientes de sombra.

O portavoz socialista destacou o éxito de participación da Mostra de Gando e valorou positivamente a resposta da veciñanza a unha cita dedicada ao sector gandeiro e á maquinaria agrícola. Con todo, lamentou que a falta de previsión do Goberno local, ao seu entender, empañase o desenvolvemento da xornada.

Por último, o PSdeG de Baleira reclamou ao Goberno da Xunta que esclareza o acontecido e determine se durante o evento se respectaron as condicións esixidas en materia de benestar animal. Así mesmo, instou ao Executivo municipal a adoptar con antelación as medidas necesarias para garantir a protección dos animais e evitar que esta situación se repita en futuras edicións.

0.1329779624939