O PSdeG de Baleira reclama ao goberno local actuacións sobre auga, incendios e alumeado público

LugoXa
Os socialistas piden ao Concello que inste á Xunta ao mantemento das balsas de captación e melloras na base de incendios e no servizo de iluminación municipal
jose tellado-candidato psoe-baleira
5 Jun 2026

O PSdeG de Baleira formulou no último Pleno municipal varias preguntas dirixidas ao Goberno local do Partido Popular sobre diferentes cuestións que consideran prioritarias para o municipio, entre elas o estado das balsas de captación de auga, a situación da base de incendios e as deficiencias no alumeado público.

No que respecta á captación de auga, o Grupo Municipal Socialista instou ao executivo local a reclamar á Xunta de Galicia o mantemento e a posta a punto das balsas existentes no termo municipal, que, segundo denunciaron, atópanse nun estado de abandono. Os socialistas lembran que estas infraestruturas son competencia autonómica, pero subliñan que o Concello debe exercer o seu papel institucional e esixir que se garantan as condicións axeitadas.

“Non ten sentido dispoñer de balsas de captación se despois permanecen sen mantemento e completamente abandonadas”, sinalaron desde o PSdeG, insistindo na necesidade de que o Goberno local reclame actuacións urxentes á administración autonómica para que estas instalacións estean plenamente operativas.

Outro dos asuntos tratados foi a situación da unidade de incendios que opera no municipio. O voceiro socialista, José Tellado, advertiu de que a brigada está a empregar un local municipal que non reúne, segundo indicou, as condicións sanitarias necesarias. Ademais, explicou que a Xunta solicitou a cesión do espazo, pero que o asunto aínda non foi sometido a aprobación plenaria.

Tellado reclamou ao Goberno local que aclare o estado do expediente e que ofreza información sobre a súa tramitación, despois de que o Concello afirmase que o procedemento estaba en marcha. “Trátase dun servizo esencial para a prevención e a resposta ante incendios, polo que se deben garantir a transparencia e todas as condicións de seguridade”, sinalaron.

Finalmente, o PSdeG volveu pedir ao Partido Popular que asegure a extensión do alumeado público a todo o municipio e a todas as vivendas, co obxectivo de que ningún fogar quede sen este servizo básico. Os socialistas critican que os traballos se estean a desenvolver sen planificación clara e reclaman coñecer prazos, criterios e zonas pendentes de actuación, insistindo en que continuarán reclamando a súa implantación completa en condicións de igualdade.

0.12028908729553