O PSdeG de Baleira reclama medidas urxentes ante os problemas de abastecemento de auga

LugoXa
José Tellado esixe ao goberno municipal do PP unha solución definitiva para garantir a subministración nas localidades afectadas, tras meses de reclamacións sen resolver as deficiencias
jose tellado-candidato psoe-baleira
16 Oct 2026

O voceiro do PSdeG de Baleira, José Tellado, reclama ao goberno municipal do PP medidas urxentes para solucionar os problemas de abastecemento de auga que afectan a varias localidades do concello e que condicionan a vida diaria de decenas de familias e o desenvolvemento da actividade gandeira. O socialista rexistrou este xoves un escrito dirixido ao alcalde no que esixe garantir unha subministración continua e suficiente, despois de meses de reclamacións sen unha solución definitiva.

Segundo denuncia Tellado, a situación está marcada pola escaseza de auga, os cortes recorrentes, os depósitos baleiros e a ausencia de presión na rede, circunstancias que dificultan o desenvolvemento normal da vida cotiá da veciñanza. O PSdeG considera que estas deficiencias nun servizo básico continúan sen resolverse malia que o goberno local coñece o problema desde hai meses.

"Esta situación non é nova nin imprevista. Levamos meses expoñendo este problema por escrito, nos plenos e en reunións", lembra o voceiro socialista. Tellado critica que a resposta municipal se limite a medidas provisionais e a subministracións puntuais mediante camións cisterna, sen abordar, ao seu xuízo, as causas de fondo.

Inspeccións, reparacións e novas captacións

No escrito presentado, o Grupo Municipal Socialista solicita que se actúe de inmediato para garantir o acceso á auga potable en todas as localidades afectadas. Entre as medidas propostas figuran a inspección dos puntos de captación, a limpeza dos depósitos, a reparación de fugas, a busca de novas fontes de auga e a mellora da rede de distribución.

Ademais, reclama que, mentres non se resolvan as deficiencias, o Concello garanta unha subministración regular mediante sistemas alternativos, sen ningún custo para a veciñanza.

Tellado lembra que o abastecemento de auga potable aos fogares é un servizo público esencial e de competencia municipal, polo que pide ao executivo local que asuma esta responsabilidade e concrete as actuacións que prevé desenvolver.

"Enfrontámonos a un problema crítico que afecta á saúde pública, á actividade gandeira e á vida diaria da veciñanza de Baleira. O PP debe adoptar medidas urxentes para garantir unha subministración continua e suficiente, que é o mínimo que merece a nosa veciñanza", conclúe.

0.14836692810059