O PSdeG de Baralla denuncia a falta de información do Concello pola auga turbia nas vivendas

LugoXa
Os socialistas critican a ausencia de avisos oficiais e esixen medidas urxentes para garantir a seguridade sanitaria da veciñanza
PSdeG-Baralla-Auga
12 May 2026

O PSdeG de Baralla, a través do seu voceiro, José Jaime González del Río, denunciou a deficiente xestión da auga de consumo no municipio despois de que veciñas e veciños levasen varios días recibindo auga turbia nas súas vivendas sen que o Goberno local emitise ningún aviso oficial nin trasladase información clara á poboación.

González del Río cualificou de “inadmisible” que, tratándose dun asunto que afecta directamente á saúde pública, o goberno municipal do Partido Popular non publicase ningún bando nin comunicación a través das súas redes sociais, deixando á cidadanía “sen información básica e sen garantías sanitarias”.

O voceiro socialista advertiu de que esta situación “non é un feito illado”, senón que responde a un deterioro crecente no mantemento dos servizos públicos e das infraestruturas municipais, unha circunstancia que atribuíu á “falta de planificación e de atención ás necesidades reais da veciñanza” por parte do alcalde.

“O rexedor amosa máis interese na organización de festexos que na correcta xestión dos servizos esenciais”, afirmou o representante do PSdeG, quen considera que esta forma de gobernar está a provocar “un empeoramento evidente da calidade dos servizos municipais e unha perda de confianza cidadá”.

Desde o PSdeG de Baralla esixen ao goberno local do PP explicacións inmediatas sobre a orixe do problema, a publicación de información clara sobre o estado da auga e a adopción de medidas urxentes para garantir a seguridade sanitaria e o correcto funcionamento das infraestruturas municipais.

0.12585186958313