O PSdeG de Baralla pedirá no pleno cubrir as prazas médicas e rebaixar o IBI

O Grupo Municipal Socialista de Baralla levará ao pleno deste xoves tres mocións relacionadas coa atención sanitaria, o servizo de Extensión Agraria e as bonificacións do Imposto de Bens Inmobles (IBI), ademais de varias preguntas sobre a xestión municipal. Segundo explican dende a formación, estas iniciativas pretenden dar resposta a problemas que levan tempo denunciando sen que, ao seu xuízo, o goberno local mostrase interese real en solucionalos.
O voceiro socialista, Jaime González del Río, criticou a actitude do alcalde, ao que acusa de manterse pasivo mentres o municipio perde servizos, negocios e oportunidades, priorizando —segundo as súas palabras— os intereses do seu partido antes que as necesidades da veciñanza.
Preocupación pola atención primaria
A primeira das mocións pon o foco na situación do centro de saúde, onde as baixas, vacacións e xubilacións sen cubrir estarían deixando a atención médica en mínimos, chegando a casos dun único facultativo con exceso de traballo ou consultas directamente sen atender. Os socialistas subliñan que esta circunstancia resulta especialmente delicada nun municipio con poboación envellecida e dispersa, onde a atención tanto presencial como a domicilio é fundamental.
Dende o PSdeG lamentan que, malia teren formulado esta cuestión en varias ocasións durante os plenos, o alcalde non reclamase ao Goberno autonómico —da súa mesma cor política— os profesionais que consideran necesarios. Por iso, a moción pide á Consellería de Sanidade e ao Sergas que garantan de xeito efectivo e continuado a cobertura das tres prazas de medicina de familia do centro de saúde, ademais de instar o rexedor a posicionarse publicamente na defensa desta demanda.
Recuperar Extensión Agraria e apoiar o comercio local
A segunda moción propón habilitar un despacho na Casa do Concello para que un técnico de Extensión Agraria poida atender presencialmente en Baralla, polo menos un ou dous días á semana.
O grupo socialista lembra que, dende que deixou de prestarse este servizo, agricultores e gandeiros teñen que desprazarse até Becerreá para trámites como a PAC, as guías de gando ou outras axudas. Critican que o equipo de goberno non puxese en marcha ningunha medida para recuperar este servizo, malia as queixas reiteradas da veciñanza.
Ademais, advirten de que estes desprazamentos tamén supoñen que o gasto e as compras se realicen fóra de Baralla, algo que prexudica o comercio local, xa afectado polo peche de varios negocios. Os socialistas reprochan ao alcalde a súa falta de reacción ante a perda dun servizo que consideran clave tanto para o sector agrogandeiro como para a economía do municipio.
Bonificacións no IBI fronte ao declive municipal
A terceira proposta busca modificar a ordenanza do IBI para introducir bonificacións do 95 % destinadas a negocios, explotacións e cooperativas que manteñan actividade e emprego, así como do 90 % para inmobles urbanos situados en núcleos onde predominan as actividades do sector primario. A moción tamén contempla descontos para terreos de uso agrario, construcións tradicionais ben conservadas e instalacións de enerxías renovables.
Dende o PSdeG consideran que non é aceptable que a veciñanza teña que asumir o que cualifican dun IBI "absolutamente abusivo" mentres os servizos empeoran. Denuncian, en concreto, que maiores e pensionistas paguen tarifas propias de solo urbano por terreos que en realidade se dedican ao labor agrícola, e responsabilizan o alcalde de trasladar á veciñanza as consecuencias do que consideran unha mala xestión municipal.
Dúbidas sobre facturación e mantemento de instalacións
O grupo municipal presentará tamén unha serie de preguntas relacionadas coa facturación da auga e o mantemento de infraestruturas do municipio. Entre outras cuestións, pedirán explicacións sobre recibos de auga que consideran desproporcionados e sobre unha posible acumulación de lecturas correspondentes a varios períodos.
Así mesmo, reclamarán información sobre o estado da revisión de determinadas irregularidades detectadas, como edificios completos que figuran cun único recibo ou vivendas que non estarían a pagar nin auga nin recollida do lixo. Tamén preguntarán polas queixas veciñais relacionadas coa hixiene das piscinas municipais, a baixa afluencia rexistrada nestas instalacións e o estado de conservación do alumeado público.
Para González del Río, a falta de acción do goberno local agrava o deterioro de Baralla, ao permitir que os problemas se enquisten sen esixir ao propio partido na Xunta os recursos que o municipio precisa. O voceiro socialista sostén que a súa formación seguirá reclamando explicacións e solucións en cada pleno mentres a situación non mellore.